Informe sobre a fenda salarial de UGT

As mulleres galegas cobran de media case un 21% menos que os homes

A secretaria de Igualdade, Xuventude e Movementos sociais de UGT-Galicia, Mónica Rodríguez, vén de presentar un informe sobre a fenda salarial en Galicia, no que constata que as mulleres en Galicia cobran de media ao ano un 20,9% menos que os homes.

As mulleres galegas cobran de media case un 21% menos que os homes
Presentación do informe de UGT-Galicia sobre o mercado laboral na xuventude en Galicia.
A secretaria de Igualdade, Xuventude e Movementos sociais de UGT-Galicia, Mónica Rodríguez.

A cifar, recollida por UGT da Enquisa anual de salarios de 2014 (último dato dispoñible) supón que para recibir o mesmo salario que un home, as mulleres terían que traballar 66 días máis cada ano. A fenda salarial é tan só 0,9 puntos inferior á que se rexistraba no 2010.

Se se contabiliza a fenda salarial en euros, apunta o estudo do sindicato, o resultado é que as mulleres galegas deixaron de percibir 2.229,3 millóns de euros no ano 2014.

Tendo en conta o salario medio anual en Galicia, a diferenza retributiva anual entre homes e mulleres en Galicia foi de 4.708,02 euros. A día de hoxe as mulleres galegas perciben un salario medio similar ao que cobraban os homes no ano 2004.

Comparando co resto das comunidades autónomas, obsérvase que as traballadoras galegas perciben un 10% menos de salario anual que a media das mulleres do resto do Estado. Galicia é a sétima comunidade autónoma onde o salario medio das mulleres é máis baixo.

En todos os niveis formativos a brecha salarial supera o 25%, excepto no caso de ter unha licenciatura, doutoramento ou similar, onde queda no 18,93%. No caso dos estudos primarios dispárase ao 37,18%.

A explicación, nos complementos salariais

A xustificación desta fenda salarial atribúese principalmente aos complementos salariais. Segundo recolle UGT, o peso que teñen os complementos salariais no salario bruto anual dos home é de 762,66 euros máis ao das mulleres, o que supón unha brecha do 27,85%. O sindicato considera que actuando sobre estes "podería reducirse en boa medida a desigualdade dos salarios entre homes e mulleres, máis tendo en conta que na maior parte das veces estes complementos non se basean en cuestións obxectivas nin cuantificables, polo que esconden tras de si discriminacións directas".

As mulleres galegas cobran de media case un 21% menos que os homes