O MARTES 30 DE XULLO

A ministra de Facenda participará na presentación do Anuario 2019 do Foro Económico de Galicia

A ministra de Facenda en funcións, María Jesús Montero, intervirá na presentación do Anuario 2019 do Foro Económico de Galicia, que terá lugar na sede de Afundación na Coruña o vindeiro 30 de xullo.
A ministra de Facenda participará na presentación do Anuario 2019 do Foro Económico de Galicia

Xunto a Montero intervirán no acto o presidente do Foro Económico de Galicia, Emilio Pérez Nieto, e o seu director, Santiago Lago Peñas.

Na súa cuarta edición, o Anuario do Foro Económico de Galicia foi editado polo xornalista José Luis Gómez e o profesor Albino Prada. Aborda os grandes asuntos económicos de Galicia e o seu entorno e da cabida ás achegas de profesores das universidades da Coruña, Santiago e Vigo, así como da Universidade do Minho en Portugal. O anuario tamén incorpora unha análise do economista e empresario Emilio Pérez Neto, asinado de xeito conxunto co catedrático da Universidade de Vigo Santiago Lago Penas.

Nesta cuarta edición do Anuario, repleta de rutas e argumentos, prima a análise, non exenta de opinións con criterio propio. “Estamos, sen dúbida, ante un cualificado panel de académicos librepensadores”, suliña o xornalista José Luis Gómez.

Este Anuario 2019 chega ao remate dun exercicio 2018 no que a economía española medrou  un 2,6%, o menor incremento en catro anos: 3,6% en 2015, 3,2% en 2016, 3,0% en 2017 e o xa mencionado 2,6% en 2018. En Galicia, o PIB pechou 2018 cun crecemento medio anual do 2,8%, catro décimas menos que no ano precedente, segundo avanzou o Foro Económico de Galicia, que previamente xa demostrara a súa capacidade predictiva. Como sosteñen Emilio Pérez Neto e Santiago Lago Penas, 2018 foi “un bo ano para a economía galega”, e 2019 desenvólvese como “un exercicio de maior incerteza e máis deberes pendentes”.

Autores

Son tamén autores do Anuario Fernando González Laxe, catedrático da Universidade da Coruña e directivo del Foro Económico de Galicia; Xosé Carlos Arias, catedrático da Universidade de Vigo; María Cadaval, profesora da Universidade de Santiago; Francisco Carballo-Cruz, profesor da Universidade do Minho; Albino Prada, membro de ECOBAS e coeditor do Anuario 2019; Xoán López Facal, economista; Luis A. Otero, profesor da Universidade de Santiago, que escribe xunto a Pablo Durán e Luis Ignacio Rodríguez; Manuel Varela Lafuente, catedrático da Universidade de Vigo; Patricio Sánchez Fernández, profesor da Universidade de Vigo e subdirector do Foro Económico de Galicia; Manuel Lago, profesor da Universidade da Coruña; Isabel Novo Cortí, profesora da Universidade da Coruña; Edelmiro López Iglesias, profesor da Universidade de Santiago; María Xosé Vázquez, profesora da Universidade de Vigo; José Manuel Sánchez Santos, profesor da Univerdade da Coruña; María L. Loureiro, catedrática da Universidade de Santiago, e José Luis Gómez, xornalista e coeditor do Anuario 2019.

Comentarios
A ministra de Facenda participará na presentación do Anuario 2019 do Foro Económico de Galicia