UBICARASE NO PARQUE EMPRESARIAL DA SIONLLA E A PRIMEIRA INFRAESTRUTURA SERÁ UN EDIFICIO DE SERVIZOS AVANZADOS

A Mesa da Sionlla senta as bases para crear un Polo de Innovación en Biotecnoloxía en Santiago

As institucións involucradas no "Acordo da Sionlla" deron este martes un paso máis no proxecto de convertir Santiago de Compostela en referente do sector biotech galego coa creación dun Polo de Innovación en Biotecnoloxía.
A Mesa da Sionlla senta as bases para crear un Polo de Innovación en Biotecnoloxía en Santiago
Acto de presentación do Polo de Innovación en Tecnoloxía, no centro empresarial do Tambre. /X.CRESPO.
Acto de presentación do Polo de Innovación en Tecnoloxía, no centro empresarial do Tambre. /X.CRESPO.

O Centro Empresarial do Tambre acolleu a reunión da Mesa Institucional do chamado “Acordo da Sionlla”, á que asistiron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez; o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; o reitor da Universidade de Santiago (USC), Antonio López Díaz; o vicepresidente da Cámara de Comercio de Santiago, José Carballo García; e o presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET), José Fernández Alborés.

O “Acordo da Sionlla”ten por obxecto a realización de actividades conxuntas que favorezan a reindustrialización empresarial, a promoción do asentamento de empresas e a captación de proxectos de investimento nos sectores biotecnolóxico e da madeira no parque empresarial da Sionlla,en Santiago de Compostela, entre os que principalmente destaca a creación dun Polo de Innovación en Biotecnoloxía.

José Fernández Alborés sinalou que o polo é un magnífico proxecto para Santiago que suporá “un antes e un despois para a súa industrialización”, xa que a cidade non perdeu industria senón que baixou o seu peso no PIB, baixando dun 20 a un 7% que ten na actualidade.

Xosé A. Sánchez Bugallo lembrou que se leva moito tempo traballando nunha iniciativa na que o Concello está desde o minuto un. Sinalou que “os obxectivos son ampliar a base económica da cidade e ofrecerlle un futuro aos nosos fillos, xa que Santiago é unha cidade onde o 70% dos mozos e mozas composteláns de idades entre os 25 e 30 anos teñen titulación universitaria e demandan oportunidades laborais que non se circunscriben ao sector do turismo”.

Ánxeles Vázquez explicou que xa desde febreiro están reservadas sete prazas no polígono da Sionlla, é dicir, 64.000 metros cadrados de solo para ter un Polo tecnolóxico e optar por un futuro centrado na innovación, a investigación e a tecnoloxía. “Agardamos que o polígono da Sionlla e Santiago sexan un referente de presente e de futuro” –manifestou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Francisco Conde apuntou que este “Acordo da Sionlla” é un esforzo colectivo, iniciado en 2016, das administracións da cidade e da Xunta, da universidade e as empresas. “Estamos desenvolvendo unha iniciativa con vocación industrial, a partir do coñecemento e do impulso da I+D”, sinalou. Francisco Conde engadiu que o polo permitirá desenvolver proxectos de I+D, do cal a primeira iniciativa será un centro de fabricación avanzada a disposición do sector biotecnolóxico, cun investimento de preto de 5 millón de euros, que lle permitirá gañar competitividade e mellorar a súa posición no eido industrial.

Antonio López destacou que, actualmente, a universidade pasou de ser docente a investigadora, “converténdose en axente dinamizador do seu contorno”, que participa coa Administración e as empresas para mellorar as condicións de vida, de traballo e económicas da súa sociedade. “O polo biotecnolóxico xorde do coñecemento pero conta coa participación das Administracións e dos empresarios”, indicou o reitor da USC.

E finalmente José Carballo García destacou a colaboración público-privada neste proxecto que é un paso máis para a industrialización de Santiago e a súa comarca. “Unha comunidade está en precario se non ten unha industria potente, e a das ciencias da saúde non é de menor valor, e máis no momento actual”, engadiu o representante da Cámara de Comercio.

Compromisos futuros do “Acordo da Sionlla”

Como resultado da análise e debate dos traballos de xestión realizados ata o día de hoxe, a Mesa da Sionlla acordou unha serie de compromisos futuros para continuar dándolle forma aos proxectos do “Acordo da Sionlla”. Impulsarán e apoiarán política e institucionalmente a creación do Polo de Innovación en Biotecnoloxía como punto focal da biotecnoloxía galega e como un instrumento que agrupará a todos os axentes –centros de investigación e innovación, empresas, persoas emprendedoras, investidores, Administración Pública, etcétera– nunha contorna que favoreza o desenvolvemento de novos negocios e a atracción de talento altamente cualificado.

Outro dos empeños da Mesa en relación ao Polo de Innovación en Biotecnoloxía será darlle visibilidade a nivel autonómico, nacional e internacional “para facer de Santiago e Galicia un referente no sector”, así como manter os  incentivos que faciliten o acceso a solo empresarial bonificado ou en dereito de superficie para empresas que queiran desenvolver a súa actividade no Polo.

En canto a medidas tanxibles, a Mesa estudará e artellará incentivos que supoñan un solo empresarial bonificado ou en dereito de superficie para empresas que queiran desenvolver a súa actividade no Polo. Nesta liña, posibilitará a concesión de bonificacións e exencións fiscais que faciliten a localización de empresas e persoas emprendedoras, e que se enmarcarían na habilitación do Concello de Santiago como “Concello Doing Business Galicia – Concello Emprendedor”. Igualmente, valóranse a posibilidade de simplificar os trámites administrativos que axilicen os procesos de localización de novas empresas e a concesión de axudas específicas para a implantación de empresas biotecnolóxicas, incluíndo aquelas destinadas á captación de talento e a súa contratación nas entidades e compañías localizadas no Polo.

Outra das liñas de traballo da Mesa é favorecer a creación dunha estrutura comercial que posibilite a atracción de investidores e empresas biotecnolóxicas, que exerza de portelo únicopara a promoción, prospección e acompañamento de novos proxectos empresarias. Tamén considérasenecesario mellorar aconetcividade, infraestruturas e loxística para o correcto desenvolvemento da actividade empresarial.

A colaboración público-privada, clave na viabilidade do proxecto

O “Acordo da Sionlla” naceu en xaneiro de 2017 coa sinatura dun primeiro compromiso para favorecer o diálogo e a colaboración institucional en aras do desenvolvemento económico e social da capital galega. Está integrado por dúas estruturas de xestión e representación: a Mesa Institucional e a Mesa de Traballo Executiva. O “Acordo da Sionlla” concretou durante estes tres anos a posta en marcha do ambicioso proxecto do Polo de Innovación en Biotecnoloxía, co apoio de entidades como o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga).

Para dar forma ao Polo de Innovación en Biotecnoloxía, deseñouse a idea do proxecto baseado na colaboración público-privada, déuselle visibilidade a través dos clústeres, centros de investigación e innovación e das diversas Administracións Públicas, que interiorizaron o concepto. Pero para acadar consistencia, os asinantes do “Acordo da Sionlla” lograron o “apoio decidido” de diversos investidores e empresas biotecnolóxicas ata o punto de involucrarse no proxecto.

A localización do Polo de Innovación en Biotecnoloxía no Parque Empresarial da Sionlla foi un aspecto fundamental desde o inicio, pola proximidade a centros de coñecemento e ás principais entidades públicas e privadas que lideran a biotecnoloxía en Galicia. A colaboración da Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo, que cualificou como “non dispoñibles para a venda” 63.798 metros cadrados, e a próxima cesión dunha parcela municipal no mesmo terreo, a través de UNINOVA, constitúen a base do Polo.
 

Primeira infraestrutura do Polo: edificio de servizos innovadores

Ademais, a pasada semana aprobouse no Consello da Xunta unha achega de máis de 4 millóns de euros, a través da convocatoria de Centros de Fabricación Avanzada do Igape, para a construción da primeira infraestrutura do Polo de Innovación en Biotecnoloxía que se concretará nun edificio de servizos innovadores para empresas biotecnolóxicas para o cal o Concello de Santiago de Compostela cederá os terreos no Parque Empresarial do Tambre. Así, estase a traballar en impulsar a construción de dúas infraestruturas do Polo, unha para estes servizos especializados e outra para facilitar espazos industriais adaptados aos requirimentos técnicos e ás diferentes necesidades do sector.

Nunha primeira fase, construirase unha infraestrutura de servizos innovadores a empresas biotecnolóxicas, unha iniciativa público-privada con laboratorios de aproximadamente 50 metros cadrados para empresas post-incubación, cun investimento aproximado de 5 millóns de euros. Crearase ademais unha sociedade para recibir fondos da convocatoria de Centros de Fabricación Avanzada (IGAPE).  E nunha segunda fase construiranse espazos industriais, de aproximadamente 500 metros cadrados, con financiamento privado e promovido polas empresas biotecnolóxicas en forma de cooperativa ou unión temporal de empresas. Contará cun investimento aproximado de 18 millóns de euros.

En paralelo, o “Acordo da Sionlla” traballará para estender este modelo de Polo de Innovación ao sector da madeira, outro dos seus obxectivos fundacionais.

Comentarios
A Mesa da Sionlla senta as bases para crear un Polo de Innovación en Biotecnoloxía en Santiago