O anteproxecto someterase a consulta pública os próximos dous meses

Iníciase a tramitación da Lei de áreas empresariais de Galicia

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda impulsa a tramitación da Lei de áreas empresariais de Galicia para reforzar as estratexias de desenvolvemento e implantación de superficies empresariais.
Iníciase a tramitación da Lei de áreas empresariais de Galicia
Reunión do Consello da Xunta.
Reunión do Consello da Xunta./D.CABEZÓN.

O Consello da Xunta deste xoves coñeceu dous informes nos que se fai unha análise da situación actual do desenvolvemento de solo empresarial en Galicia e se propoñen unha serie de medidas para avanzar neste obxectivo, entre elas, a elaboración dunha Lei de áreas empresariais. Así, o anteproxecto someterase a consulta pública a partir do 12 de marzo e durante os dous próximos meses para coñecer a opinión da sociedade en xeral e do sector en particular ao respecto.

A Lei de áreas empresariais de Galicia constitúe unha oportunidade para impulsar instrumentos de implantación deste tipo de áreas e proxectos industriais, mellorar a súa eficacia e concretar os sistemas de xestión destas áreas unha vez rematadas. "Comezamos a tramitación dunha Lei de áreas empresariais, para facilitar a instalación de proxectos estratéxicos ou doutro tipo de proxectos empresariais cun solo máis asequible, cunhas facilidades urbanísticas maiores e cunha axilización da tramitación administrativa", explicou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa tralo Consello.

Outra das medidas pola que se aposta é a potenciación do Plan sectorial de áreas empresariais de Galicia, para acadar o desenvolvemento de solo industrial e a implantación de novas empresas, algo que implicará un investimento de máis de 250 millóns de euros nos próximos 10 anos. Para cumprir este obxectivo, optarase por diferenciar entre as áreas empresariais de carácter estratéxico e de carácter comarcal e supracomarcal, co obxectivo de priorizar a execución e desenvolvemento do solo necesario e facer un mellor seguimento das necesidades.

No caso das áreas estratéxicas, primarase dispoñer de solo urbanizado ou de rápida urbanización, con conexión directa a través das arterias principais de comunicación e emprazado nas proximidades das grandes áreas de actividade. A Xunta considera que esta é a fórmula máis axeitadas para dar resposta ás necesidades de implantación das empresas que podan xurdir no futuro.

En todo caso, tamén é necesario incrementar a oferta de solo de carácter supracomarcal ou comarcal para ter a superficie dispoñible suficiente que permita o asentamento das actividades económicas vinculadas a esas zonas e o seu crecemento nos mesmos ámbitos. Cómpre subliñar que o Plan sectorial de áreas empresariais se potenciará como instrumento básico de planificación, co que se permite delimitar os ámbitos que poden ser desenvolvidos directamente a través de proxectos de interese autonómico.

Por outra banda, a Xunta engade a posibilidade de aprobar unha liña de axudas para o desenvolvemento de pequenas áreas empresariais (industrial, empresarial e comercial) de carácter local, co fin de favorecer a implantación de actividades económicas en concellos medios e pequenos.

No informe tamén se propón a posibilidade de crear un programa de incentivos á contratación ás iniciativas empresariais que se asenten no solo da Xunta, así como analizar novos apoios financeiros que favorezan a implantación empresarial e que complementen o aforro no custo de adquisición de solo, que supón menos do 20% do investimento do proxecto empresarial.

Todas estas medidas novidosas sumaríanse ao programa de bonificacións para o acceso ao solo empresarial, que se manterá este ano nas porcentaxes establecidas deste 2015 -30% ou 50% de rebaixa sobre o prezo de venda das parcelas-

Comentarios
Iníciase a tramitación da Lei de áreas empresariais de Galicia