Por quinto ano consecutivo

A Fundación Semana Verde rematará sen perdas 2018

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu a reunión do padroado da Fundación Semana Verde, na que se aprobaron as contas do 2017,  se fixo un peche provisional das de 2018 e se analizou o orzamento previsto para 2019.

A Fundación Semana Verde rematará sen perdas 2018
O vicepresidente da Xunta presidiu a reunión do padroado da Fundación Semana Verde.
O vicepresidente da Xunta presidiu a reunión do padroado da Fundación Semana Verde.

A Fundación semana Verde presentou de novo unhas contas equilibradas, de xeito que se prevé que este ano en curso volva rematar sen perdas por quinto ano consecutivo. Pola parte da Xunta, a Administración autonómica volve manter o seu compromiso activo coa comarca e o recinto aportando case un millón de euros, tendo en conta as achegas directas, subvencións, colaboracións e participacións en feiras

De cara ao 2019, prévese un orzamento similar ao dos anos anteriores, no que se manteña de novo o equilibrio de ingresos e gastos e dotado cuns dous millóns de euros.

Por outra parte, nesta reunón  deuse a benvida como novo patrón-patrocinador a R, que xa viña colaborando de forma habitual co recinto.

Balance do 2018

En 2018 a Fundación Semana Verde bateu un récord histórico de eventos: un total de 25, dos que só catro eran oposicións. Ademais da cantidade, foi destacable tamén a calidade, en tanto que dez destes eventos foron de carácter novidoso, o que dá unha boa mostra da aposta pola diversificación e apertura do recinto.

Entre outros fitos do 2018, poderíanse destacar a clásica Semana Verde, que incrementou superficie expositiva, expositores e asistentes; a Central Agropecuaria, que subiu por cuarto ano consecutivo o número de animais e transacións económicas; a renovación, por catro anos máis, do patrocinio con Abanca; e a sinatura do acordo con Exponor, de Oporto, exemplo de cooperación transfronteiriza e que xa está dando os seus froitos co incremento en máis dun 60% da presenza de empresas portuguesas na Feira Abanca Semana Verde e de máis do dobre na Feira da Enerxía.

O obxectivo para 2019 é continuar mantendo as orixes da feira, os seus sinais de identidade e seguir incrementando e diversificando a súa actividade.

A Fundación Semana Verde rematará sen perdas 2018