2021 foi o ano con maior número de eventos, na súa maioría procesos selectivos

A Fundación Semana Verde acadará un beneficio de 850.000 euros

A Fundación Semana Verde de Galicia celebrou a reunión anual do seu Padroado, a cal contemplou tanto a participación presencial como telemática dos seus patróns, na que se aprobaron as contas de 2020, fíxose balance provisional das de 2021 e analizouse o orzamento para 2022.
A Fundación Semana Verde acadará un beneficio de 850.000 euros
Xuntanza do Padroado da Fundación Semana Verde de Galicia.
Xuntanza do Padroado da Fundación Semana Verde de Galicia.

Neste encontro aprobáronse as contas da Fundación Semana Verde de Galicia  no ano 2020, o cal estivo fortemente marcado polas consecuencias económicas da pandemia da covid-19. A pesar da imposibilidade de desenvolver as citas máis destacadas dese ano e ter xa acometido gastos operativos para a súa comercialización e xestión, finalmente o déficit económico non superou os 162.982 euros.

Así mesmo, fíxose un balance provisional deste 2021, un exercicio no que aínda que a covid-19 volveu dificultar os primeiros meses do ano, prevese que se peche cun beneficio financeiro de 850.000 euros, o maior da entidade dende 2009. Un superávit acadado polo arranque da actividade da Fundación tras a pandemia, que estivo moi centrada na celebración de procesos selectivos, pero que tamén contemplou outros eventos, como unha edición especial da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, o evento ecuestre Equina, dous salón de motor, a party informática XGN R Encounter ou concursos de beleza canina.

Na reunión analizouse ademais o orzamento previsto para 2022, elaborado con expectativas reais de celebración dos eventos que recuperan datas tras ser adiados pola covid-19, pero tamén dende a cautela que esixe a incerteza en canto á evolución das feiras tras a pandemia e a recuperación económica dos sectores profesionais vinculados á actividade da Fundación. Será de 3 millóns de euros.

27 eventos nun ano

A suma de todas estas citas supuxo que a Fundación celebrase o seu maior número de eventos maiores nun ano, cun total de 27, dos cales 19 foron procesos selectivos. Engádense 20 eventos menores e as 51 sesións da Central Agropecuaria de Galicia Abanca, das cales falta celebrar a última o vindeiro martes. Respecto á poxa de gando, os seus datos reflicten unha importante recuperación na asistencia de animais, aínda que non ata cifras de 2019, e un aumento nas transaccións que si superan ás de fai dous anos.

Tamén son destacables as mellores levadas a cabo este ano para optimizar os resultados dos usuarios e garantir maior calidade e benestar das reses, como a incorporación dun seguro de vida para os animais de todas as categorías e da transferencia como único método de pago para evitar tanto frecuentes perdas de cheques por parte dos gandeiros como o cobro de comisións cando ingresan o cheque noutra entidade distinta á que opera coa Central.

Este ano seguiuse a traballar na aplicación informática implantada en 2020 para ampliar as súas utilidades e que en 2022 se podan crear contas personalizadas nas que os vendedores reciban documentación de interese nos seus móbiles. En canto ao benestar animal, houbo diversas melloras, como o incremento da calidade das “camas” das reses.

A Fundación Semana Verde acadará un beneficio de 850.000 euros