En 2020, malia a pandemia, creáronse 126 novas empresas deste tipo

O Foro pola Economía Social Galega celebra o seu terceiro aniversario en pleno auxe deste modelo empresarial

Concidindo coa celebración do seu terceiro aniversario, representantes do Foro pola Economía Social Galega mantivo este venres en Santiago un encontro coa conselleira de Emprego e Igualdade, con que asinaron un novo convenio de colaboración.
O Foro pola Economía Social Galega celebra o seu terceiro aniversario en pleno auxe deste modelo empresarial
Celso Gándara, presidente do Foro pola Economía Social Galega, e María Jesús Lorenzana, conselleira de Emprego e Igualdade./X.CRESPO.
Celso Gándara, presidente do Foro pola Economía Social Galega, e María Jesús Lorenzana, conselleira de Emprego e Igualdade./X.CRESPO.
Que a eficiencia empresarial e a responsabilidade social poden convivir de forma natural é algo que demostran en Galicia máis de 4.700 empresas, entre cooperativas, centros especiais de emprego, sociedades laborais e centros de inserción. Da súa capacidade de resistencia di moito o feito de que en 2020, a pesar da crise provocada pola pandemia, creáronse 126 novas firmas de economía social. É por este éxito logrado que o Foro pola Economía Social Galega segue traballando con máis ímpeto que nunca tres anos despois da súa constitución e así llo transmitiu o seu presidente, Celso Gándara, á conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana.

No encontro abordouse a presenza da economía social nos fondos Next Generation e informouse á responsable de Emprego das xestións realizadas para a obtención dun PERTE (Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica) de Economía Social a nivel estatal. Así mesmo, Gándara solicitou unha reformulación da Rede Eusumo “para actualizar as novas necesidades de desenvolvemento” e apostou por un programa específico de transformación de empresas en situacións de crises en entidades de economía social, “dada a súa contrastada capacidade de resistencia”.

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, pola súa banda, coincidiu no papel relevante da economía social para a recuperación tras a pandemia por defender “fins de interese xeral e colectivo” o que, ao seu criterio “permiten xerar máis emprego e de máis calidade, garantir unha mellor redistribución dos recursos e favorecer a cohesión territorial e social”.

Coa firma do convenio, Lorenzana destacou que a  Xunta referenda o seu compromiso coa economía social por dúas razóns esgrimidas pola conselleira: ser “un modelo de crecemento máis sostible, máis inclusivo e máis igualitario” e, por outra banda, por se converter nunha “fonte de oportunidades laborais que requiren dunha actuación conxunta e solidaria”.

Segundo reafirmou a titular de Emprego e Igualdade, a economía social supón “unha fórmula de éxito que repercute no beneficio colectivo” o tipo de fórmulas que, segundo engadiu, “necesitamos para recuperarnos do impacto tan negativo que nos deixa esta pandemia”.

O encontro na Xunta de Galicia responde ao labor de representación encomendada ao Foro polos seus asociados, tarefa que persegue a participación da economía social naqueles momentos e lugares nos que se debate o futuro de Galicia. Non en balde, estas empresas representan o 7% do PIB autonómico, polo que son xa peza crave dentro do quebracabezas da economía galega.

O Foro pola Economía Social Galega súmase ás liñas mestras marcadas polo Goberno galego, que ante as autoridades comunitarias defende que a economía social ten demostrado que os valores que impregnan este tipo de organizacións xeran un comportamento diferente ao resto de organizacións mercantís, profundando en cohesión social e territorial. De aí a elección de Galicia como Rexión Aamiga da Economía Social unha vez máis neste 2021.

 


 

Comentarios
O Foro pola Economía Social Galega celebra o seu terceiro aniversario en pleno auxe deste modelo empresarial