Defende a fabricación de compoñentes en Galicia

O Foro Enerxético reivindica un pacto social pola enerxía eólica

O Foro Enerxético de Galicia reuniuse esta semana co fin de apoiar a reivindicación da Asociación Eólica de Galicia (EGA) por un pacto social a prol da enerxía eólica.

O Foro Enerxético reivindica un pacto social pola enerxía eólica
Asistentes ao encontro do Foro Enerxético de Galicia.
Asistentes ao encontro do Foro Enerxético de Galicia.

No seu encontro, celebrado online, o Foro Enerxético de Galicia (entidade independente que reúne a expertos no sector da enerxía en Galicia) quixo poñer en valor as vantaxes para a economía galega da implantación de novos parques eólicos, tanto na súa versión tradicional como na súa versión mariña (offshore) ou na repotenciación dos parques existentes.

Segundo o informe “Impacto Económico y Social del Sector Eólico en Galicia”, publicado por EGA, hoxe en Galicia hai preto de 3.800 MW eólicos, que deixan ao ano arredor de 60 millóns de euros en impostos locais e 11 millóns de euros en rendas. O sector eólico en Galicia dá emprego a unhas 7.000 persoas (70% de emprego directo e 30% indirecto).

O Plan Nacional de Integrado de Enerxía e Clima 2021-2030 prevé a instalación de mais de 20.000 MW de nova eólica e 30.000 MW de fotovoltaica en España, que requirirán unha inversión de mais de 40.000 millóns de euros.

Os promotores eólicos están dispostos a acometer máis de 10.000 MW en novos proxectos en Galicia nos vindeiros dez anos, cun investimento que superaría os 11.000 millóns de euros, sen necesidade axudas públicas. Isto axudaría a reactivar o sector industrial na economía galega en tódolos ámbitos, enxeñería, fabricación de compoñentes, execución dos parques e das instalacións e, unha vez que entran en funcionamento, no mantemento dos mesmos, e ocupando o baleiro que deixan as centrais térmicas de As Pontes e Meirama na produción de electricidade na comunidade autónoma.

Para isto, entenden os expertos do Foro Enerxético de GAlicia, sería preciso un pacto a prol da eólica entre todos os participantes: promotores, fabricantes, enxeñerías e administracións públicas, no que "cada un se comprometa a investir os recursos necesarios así como un apoio decidido da administración para facilitar a tramitación dos expedientes dos novos parques eólicos. A maiores dos beneficios tradicionais (canon eólico, pago do ICIO, rendas por aluguer dos terreos, postos de traballo xerados na execución e mantemento ...) engadiríamos a implantación de novas industrias para satisfacer a demanda e a creación de milleiros de postos de traballo asociados".

"Galicia foi unha das pioneiras en enerxía eólica en Europa a finais do século XX; volver posicionarnos como unha zona líder en enerxía renovable axudaría a atraer fondos europeos para novos proxectos tractores afíns, como a produción de hidróxeno renovable, o almacenamento de enerxía en baterías, a eólica mariña flotante ou as enerxías das ondas e das mareas. Galicia dispón dun ecosistema de industria, enxeñarías, centros tecnolóxicos e universidades capaz de atraer novos investimentos e cun considerable know-how aprendido durante décadas, aproveitar os ventos favorables está nas nosas mans", conclúen desde este Foro.

O Foro Enerxético reivindica un pacto social pola enerxía eólica