Axudaría a impulsar a actividade económica e fixar poboación

O Foro Enerxético reclama a mellora da subministración eléctrica no rural

O Foro Enerxético de Galicia analizou na súa última sesión as características da subministración eléctrica no rural galego, concluíndo que é precisa mellorar esta para impulsar a actividade económica, mellorar as condicións de vida e fixar poboación neste ámbito.

O Foro Enerxético reclama a mellora da subministración eléctrica no rural
Participantes na sesión do Foro Enerxético de Galicia.
Participantes na sesión do Foro Enerxético de Galicia.

Nesta reunión, celebrada o pasado venres 28 de xuño, actuou como poñente Jesús Castro Lozano, enxeñeiro industrial e Director da Fundación Axencia Enerxética da Provincia da Coruña (FAEPAC), dependente da Deputación Provincial.

O Foro Enerxético reclmaou ás administracións públicas e empresas subministradoras "especial sensibilidade" coa contorna rural, polo significado que ten para Galicia.

Conclúe o Foro que aínda que nas últimas décadas se realizou un importante esforzo por parte das administracións públicas e empresas distribuidoras, a orografía e a dispersión poboacional esixen nalgúns casos investimentos elevados que poden chegar a ser disuasorios tanto para fixar poboación como para o emprendemento empresarial; aínda existen puntos nos que o novo usuario debe asumir custes de miles de euros para unha nova acometida. Ademais nas zonas rurais a calidade é habitualmente inferior á das cidades en canto a caídas de tensión, potencia dispoñible ou harmónicos. O Foro tamén quixo suliñar que o entorno rural ofrece interesantes posibilidades na transición enerxética como as instalacións de autoconsumo, o almacenamento de enerxía fotovoltaica e minieólica, o uso de vehículos eléctricos ou as redes distribuídas de enerxía.

O Foro Enerxético de Galicia é un grupo de debate que naceu en 2017 sobre temas relacionados coa enerxía na Comunidade Autónoma, que ten como finalidade lanzar propostas de mellora ás administracións públicas, tecido empresarial e sociedade galega en xeral.

O Foro Enerxético reclama a mellora da subministración eléctrica no rural