Presentación das conclusións de "O monte galego do século XXI"

O Foro avoga por alcanzar un aproveitamento diversificado e multifuncional do monte galego

O Foro Económico de Galicia presentou este mércores en Santiago o documento "O monte galego do século XXI", do que se conclúe a necesidade de priorizar a explotación do monte fronte aos dereitos de propiedade, para o que propoñen unha reforma estrutural na xestión das terras.
O Foro avoga por alcanzar un aproveitamento diversificado e multifuncional do monte galego
Santiago Lago e Edelmiro López presentaron en Santiago o documento
Santiago Lago e Edelmiro López presentaron en Santiago o documento "O monte galego do século XXI".

O informe ten a súa orixe na IV reunión anual do Foro Casal de Armán e está coordinado polos profesores Albino Prada e Edelmiro López. Este último, membro nato do Foro Económico de Galicia, foi o encargado de detallar as súas conclusións. Na rolda de prensa estivo acompañado polo director do Foro, Santiago Lago.

Segundo os autores nese aproveitamento do monte galego, han de ter cabida usos moi diversos: produción de madeira de especies de crecemento rápido, madeiras de calidade, gandería extensiva, biomasa e outras fontes de enerxía renovable, funcións ambientais e espazo de lecer. Todos estes usos son compatibles cunha adecuada ordenación.

Os expertos do Foro consideran que tendo en conta as deficiencias que presenta a xestión das terras de monte, resulta imprescindible unha reforma estrutural. Reforma que, sen alterar a estrutura da propiedade, impulse a mobilización produtiva e un adecuado aproveitamento destas superficies.

O modelo existente en Galicia, caracterizado por ser de especialización produtiva e espacial, provoca importantes limitacións;  entre elas, a forte dependencia dun número moi reducido  de  consumidores finais, a competencia doutras áreas do mundo, os problemas sanitarios e de adaptación ao cambio climático, a concentración das rendas na parte do territorio menos afectada polo despoboamento e a dificultade para xestionar unha biomasa que ameaza con aumentar os riscos de incendios.

A dimensión dos problemas require, segundo os autores do estudo, a participación das administracións públicas para impulsar un modelo alternativo, aínda que tamén recoñecen que a fragmentación da propiedade é un obstáculo para por en marcha este novo modelo. Como solución os expertos apostan por instrumentos legais que permitan xestionar o uso de monte sen que a propiedade individual poida supoñer un bloqueo.

Propostas

Para levar a cabo esta reforma de fondo, os autores do documento propoñen catro directrices para o seu desenvolvemento: unha ordenación efectiva dos usos do solo; a configuración dun novo equilibrio entre propietarios e usuarios das terras, que priorice os proxectos de aproveitamento (acordes coa
ordenación de usos) fronte aos dereitos de propiedade; a coherencia das distintas políticas públicas, corrixindo a fragmentación e contradicións entre políticas sectoriais; e dado que a inmensa maioría das terras de monte en Galicia son de propiedade privada, a súa mellora debe ser protagonizada pola iniciativa privada. Pero isto terá que acompañarse dunha xestión pública directa de determinadas superficies.


 

O Foro avoga por alcanzar un aproveitamento diversificado e multifuncional do monte galego