IX Xornada de Casal de Armán

Expertos debaten sobre o futuro do monte galego e os seus posibles usos

Máis de 25 expertos, empresarios e representantes do sector forestal debateron sobre o futuro do monte galego nun novo encontro de Casal de Armán organizado polo Foro Económico de Galicia.

Expertos debaten sobre o futuro do monte galego e os seus posibles usos
Asistentes á IV Xornada Casal de Armán, organizada polo Foro Económico de Galicia.
Asistentes á IV Xornada Casal de Armán, organizada polo Foro Económico de Galicia.

Nesta xuntanza de traballo coordinada polos membros do Foro Económico de Galicia, Albino Prada e Edelmiro López deuse a coñecer o dato de que o sector agrario galego pasou das case 800.000 persoas en 1950 a menos de 50.000 en 2015, segundo o informe da Comisión de Estudo e Análise da Política Foresta. Estas cifras complétanse con máis de medio millón de propietarios de parcelas rústicas e co lastre que supón o descoñecemento do número real de propietarios de montes, calculado, de xeito aproximado, en medio millón. Ao mesmo tempo que a poboación afincada no rural cae, o uso arborizado do monte increméntase de maneira destacada á vez que a non arborada (leña, pastos) entra en declive e provoca unha acelerada acumulación de biomasa forestal.

Os expertos do Foro tamén fixeron referencia ao problema dos incendios. Dende 1960 a 2010 a superficie queimada alcanza a superficie forestal total de Galicia, 2 millóns de hectáreas. Coas consecuencias ambientais e custos económicos consecuentes.

O diagnóstico do sector completouse nesta reunión de expertos con outras variables que xa forman parte do ADN do monte galego: unha fragmentación extrema da propiedade e o consecuente abandono de parcelas. A cifra máis elocuente neste sentido é que só un 10% do monte galego está ordenado e esa porcentaxe é aínda máis baixa se aplicamos o criterio dunha xestión forestal sustentable.

Enerxías renovables

A explotación forestal non foi o único sector abordado na reunión de Casal de Armán. As enerxías verdes e renovables ou as posibilidades que ofrece o monte para o desenvolvemento turístico, patrimonio natural e biodiversidade tamén xurdiron no debate. E, por suposto, a explotación agraria. Neste sentido non deixa de ser rechamante que cunhas condicións agrarias favorables Galicia sexa dependente do mercado internacional para abastecer a demanda de produtos de alimentación animal.

José Luis Chan, director xeral de de Planificación e Ordenación territorial da Xunta de Galicia foi o responsable de clausurar a xornada. Chan anunciou tamén que o próximo mes de xuño se publicará o Anuario Estatístico Forestal, unha ferramenta que permitirá unha mellora na identificación e clasificación das parcelas.

Ao mesmo tempo que se realizou un diagnóstico profundo do sector, adiantáronse algunhas propostas: ordenación do monte, aposta por unha transformación de produtos con maior valor engadido, elaboración de estratexias produtivas e minimización de custos ou desenvolvemento e mellora das estratexias de comercialización.

Todas estas propostas serán recollidas proximamente nun documento de iniciativas que presentará o equipo de expertos do Foro Económico de Galicia coordinado por Albino Prada e Edelmiro López Iglesias.

Expertos debaten sobre o futuro do monte galego e os seus posibles usos