Piden o apoio da Deputación coruñesa para crear unha gardería na área empresarial compostelana

Empresarios do Tambre informan ao presidente da Deputación do proxecto Sionlla Biotech

A Asociación Área Empresarial do Tambre recibiu a visita do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a quen se lle informou do proxecto Sionlla Biotech.
Empresarios do Tambre informan ao presidente da Deputación do proxecto Sionlla Biotech
Directivos da Asociación Área Empresarial do Tambre co presidente da Deputación da Coruña e o alcalde de Santiago.
Directivos da Asociación Área Empresarial do Tambre co presidente da Deputación da Coruña e o alcalde de Santiago.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, que estivo acompañado polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, foi recibido polo presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre, José Fernández Alborés, e diversos membros da directiva da entidade empresarial. González Formoso coñeceu de primeira man as actuacións da asociación en relación ao proxecto do Polo de Innovación en Biotecnoloxía e outras cuestións relevantes para o contexto económico da área. 

Segundo explicaron ao presidente da Deputación da Coruña, o obxectivo de Sionlla Biotech é acadar o asentamento de industria na cidade, e en particular, no parque empresarial da Sionlla, centrado nos sectores da biotecnoloxía e a madeira.

Os directivos da asociación sinalaron as dúas partes vertebradoras do proxecto. Na primeira fase, a Xunta de Galicia, a través do Igape, ten concedida unha axuda para a posta en marcha dun Centro de Fabricación Avanzada na Sionlla, “unha infraestrutura de servizos para favorecer a innovación e a investigación de prototipos e modelos e ver a viabilidade industrial e empresarial da investigación para o lanzamento de novos produtos”. Explicaron que o centro acollerá unha vintena de laboratorios modulares que servirán para que empresas e universidade poidan deseñar, analizar e probar prototipos que logo terán que ser producidos industrialmente. Tamén contempla espazos comúns para a interacción dos distintos axentes que orixinen colaboracións e sinerxías entre eles.

Profundando na fase dúas, os directivos da entidade empresarial sinalaron os espazos industriais, unha parte do proxecto que precisará de financiamento privado, promovido polas empresas biotecnolóxicas, por exemplo en forma de cooperativa ou unión temporal de empresas.

Área de Servizos

Outra das liñas de traballo que expuxeron ao presidente da Deputación coruñesa está enfocada en crear unha Área de Servizos Tambre nunha parcela de case 8.000 metros cadrados, contigua ao centro empresarial. Esta espazo poderá ofrecer aos traballadores do polígono gardería, servizos médicos, unha zona comercial, ou outras posibilidades como un hotel, un edificio para oficinas ou de formación e coworking. Para a gardería, prevista con cinco módulos para uns 70 rapaces, explicaron a González Formoso que precisan un financiamento de 800.000 euros, polo que solicitaron a colaboración da súa administración.

Unha cuestión que tamén destacaron na xuntanza co presidente provincial foi a relativa á formación. O covid-19 provocou un cambio de paradigma na formación, con novos protocolos no modelo presencial e reforzamento na teleformación, o que causou que a entidade tivera que investir en equipamentos para os que precisan de apoio público.“A labor da asociación nestes meses foi inxente, e as veces, pouco valorada, facilitando información a empresas e traballadores, formando nos novos protocolos de seguridade e mesmo organizando o subministro de máscaras, un esforzo que non se viu traducido no acceso a axudas das distintas administracións públicas”, destacaron os directivos.

Empresarios do Tambre informan ao presidente da Deputación do proxecto Sionlla Biotech