Tres décimas máis que o PIB de España

A economía galega creceu un 2,8% en 2018

O Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia medrou un 2,8% no ano 2018, tres décimas por riba do crecemento rexistrado polo PIB no conxunto de España, segundo reflicten os datos da Contabilidade Trimestral publicada polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

A economía galega creceu un 2,8% en 2018
20190228_economia
O Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia medrou un 2,8% no ano 2018.

O PIB de Galicia acadou no conxunto do ano 2018 un crecemento por riba do incremento medio estimado no Plan Estratéxico de Galicia para o período 2015-2020. Ademais, o crecemento foi superior ao rexistrado polo PIB de España (2,5%), segundo as cifras publicadas a finais de xaneiro polo Instituto Nacional de Estatística (INE). O bo comportamento da economía galega en 2018 sustentouse, por unha parte, no crecemento do gasto en consumo final, que medrou un 2,2%, seis décimas máis que no exercicio anterior. Tamén tivo un efecto moi positivo a excepcional evolución da formación bruta de capital, un indicador relevante para coñecer o impacto dos investimentos que se realizan principalmente no eido empresarial, e que o ano pasado medrou un 7%.

Ademais, as exportacións de bens e servizos volveron mostrar un ano máis a súa fortaleza, e acadaron no conxunto do ano un incremento interanual do 3,4%, por riba do crecemento rexistrado polo PIB galego.

Ao igual que o ano anterior, todos os sectores da economía galega tiveron en 2018 un comportamento positivo. O maior incremento rexistrouse no sector da construción (6,1%), seguido pola industria (3,8%) e o sector servizos (2,5%). O menor avance produciuse no sector primario –agricultura, silvicultura, gandería e pesca-, que medrou un 0,9% 

Os datos do organismo estatístico autonómico mostran que a economía galega conseguiu crear o pasado ano 18.880 postos de traballo equivalentes a tempo completo, o que supón un incremento do 1,9% sobre o ano anterior. 

Previsións cumpridas

As cifras do IGE confirman que a Xunta de Galicia cumpriu as súas previsións macroeconómicas. En concreto, o Goberno galego estimara nos Orzamentos para 2018 un crecemento do PIB do 2,5%, previsión que foi corrixida á alza –ata o 2,8%– na presentación dos Orzamentos para 2019, o pasado mes de outubro. 

Cuarto trimestre

En canto aos datos específicos do cuarto trimestre, o IGE mostra que o PIB galego acelerou o seu crecemento na última parte do ano. De feito, tanto o crecemento interanual (2,6%) coma o trimestral (0,7%) no cuarto trimestre do ano foron superiores nunha décima aos do terceiro trimestre.

A economía galega creceu un 2,8% en 2018