As dúas entidades queren crear unha cátedra para o desenvolvemento sostible do rural

Deputación e UVigo alíanse para ubicar en Ourense a Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial

O respaldo da Deputación de Ourense á instalación na capital ourensá da sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) e a activación a corto prazo dunha cátedra para o desenvolvemento sostible do rural de Ourense foron os dous temas analizados nun encontro entre o presidente da Administración provincial, Manuel Baltar, e o reitor da da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa.
Deputación e UVigo alíanse para ubicar en Ourense a Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial
Reunión Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) con Joaquín Reigosa Roger (Reitor da Uni. de Vigo) acompañado de Elena Rivo (Vicerreitora do Campus de Ourense), Jose Luis Míguez Tabarés (Vicerreitor de Planificación) e Belén Rubio Armesto (Vicerreitora de Investigación, Transferrencia e Innovación).
Manuel Reigosa, reitor da UVigo, e Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense./A.PAZ.

No encontro de traballo, celebrado o pasado venres 3 no Pazo Provincial de Ourense, tamén estivo presente a vicerreitora do Campus de Ourense, Elena Rivo, o vicerreitor de Planificación e Sustentabilidade, José Luis Míguez, e a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio. 

Manuel Baltar avanza que o "goberno provincial promoverá unha declaración institucional para que Ourense sexa a sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial, unha cuestión que, sen ningunha dúbida, nos importa moito”. Respecto ao traballo en común na procura do Centro de Innovación Territorial, o presidente do goberno provincial explica que “poñeremos en marcha en 2023 esa cátedra cun obxectivo claro a medio prazo: conseguir que a provincia de Ourense acolla o Centro de Innovación Territorial, un traballo en colaboración co Campus de Ourense - Universidade de Vigo e o Instituto Politécnico de Bragança, un proxecto transfronteirizo que traerá importantes beneficios para o territorio”.

Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa agradeceu “o completo apoio e receptividade que teñen os nosos proxectos na Deputación” e valorou a AESIA e o Centro de Innovación Territorial como “dúas actividades que poden ser moi importantes para a provincia, dentro dun camiño no que penso que Ourense está moi ben situada”.

 

Sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial

O goberno provincial promoverá no vindeiro pleno de setembro unha declaración institucional para que Ourense albergue a sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), dentro do proxecto artellado pola Universidade de Vigo que, dentro dun proceso aberto a nivel autonómico, prantexou a posibilidade de situar esta axencia en Ourense acadando o apoio da Deputación e o Concello de Ourense. 

A concesión desta axencia estatal levaría aparellados ata un cento de postos de traballo. A Deputación resalta a idoneidade desta candidatura, tendo en conta o tamaño de cidade buscado polo Goberno central para este tipo de descentralizacións, o nivel da Universidade de Vigo e o seu aliñamento coas administracións públicas, ademais de contar coas infraestruturas necesarias e a posibilidade de activar valiosas sinerxías cos estudos de Enxeñería Informática e Intelixencia Artificial e co Centro de Excelencia de Ciberseguridade de Galicia. 


Cátedra para o desenvolvemento sostible do rural e Centro de Innovación Territorial

A Deputación de Ourense apoia á Universidade de Vigo na creación dunha cátedra para o desenvolvemento sostible do rural ourensán. Este centro de investigación perfilarase cun equipo multidisciplinar situando como base unha vila, avanzando nunha iniciativa modelo para o desenvolvemento do rural que converteríase no paso previo á solicitude dun Centro de Innovación Territorial.

O proxecto desenvolverá diversas parcelas de experimentación, abríndose á participación da Facultade de Ciencias e Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos do Campus, traballando con claves como a dixitalización, a sostenibilidade enerxética ou fomento do emprendemento no rural.

Manuel Reigosa destaca que “estamos moi ben situados”, destacando “a calidade dos nosos investigadores, que sitúan á Universidade de Uvigo entre as 75 mellores do mundo no ámbito agroalimentario e o traballo dos nosos parceiros ao outro lado da Raia, no Instituto Politécnico de Bragança, que están nunha posición semellante e que permitirán xuntar moito talento para este centro”.

O reitor da Universidade de Vigo reivindica o “traballo realizado xunto á Deputación de Ourense no rural, no reto demográfico e na mellora da calidade dos servizos públicos para a cidadanía” como un marco de apoio para “o centro de investigación transfronteirizo e o case que probable centro de innovación territorial, que serán moi positivos para Ourense”. 

Comentarios
Deputación e UVigo alíanse para ubicar en Ourense a Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial