O plan prevé a mobilización de máis de 300 millóns de euros

A Deputación de Pontevedra solicita propostas aos concellos para incorporalas ao seu Plan Estratéxico dos Fondos Europeos

A Deputación de Pontevedra deu a coñecer este luns aos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia o Plan Estratéxico Provincial dos Fondos Europeos que lanzou a entidade fixando como retos prioritarios a cohesión territorial, a transición verde, a igualdade e a dixitalización.
A Deputación de Pontevedra solicita propostas aos concellos para incorporalas ao seu Plan Estratéxico dos Fondos Europeos
A presidenta provincial Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera presentaron o Plan Estratéxico de Fondos Europeos aos alcaldes dos municipios de menos de 50.000 habitantes.
A presidenta provincial Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera presentaron o Plan Estratéxico de Fondos Europeos aos alcaldes dos municipios de menos de 50.000 habitantes.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o vicepresidente César Mosquera presentaron os eixos centrais desta iniciativa, que conta con dez programas, 54 proxectos e suporá a mobilización de máis de 300 millóns de euros, e abriron a posibilidade de que os concellos da provincia poidan remitir, nun prazo de entre unha semana e dez días, propostas que teñan xa elaboradas para incorporalas ao plan.

"Somos unha das deputacións provinciais de Galicia e do Estado que fixo este enorme esforzo de análise para transformar de verdade a provincia de Pontevedra e queremos, como non pode ser doutra forma, que neste proxecto participen os concellos", asegurou Carmela Silva no encontro. Deste xeito, a presidenta pediu ás alcaldesas e aos alcaldes que aporten aquelas ideas ou iniciativas nas que están a traballar para mellorar os seus concellos: "queremos presentar proxectos concretos, exemplificar o que os concellos demandan en cada unha das dez liñas do plan e enviar aos ministerios competentes. Sabemos que vai ser complicado conseguir os 300 millóns de euros pero imos traballar moito e facer un gran esforzo, temos xa unha planificación e proxectos estrela moi claros para captar o maior número posible de fondos europeos".

54 accións

Tal e como se explicou no encontro coas alcaldesas e os alcaldes pontevedreses, o Plan desenvolve 10 programas cun total de 54 accións, nas que se aplicará a perspectiva de xénero e a igualdade de xeito transversal.  Está, amais, aliñado cos catro eixos definidos pola Unión Europea, coas dez políticas panca do Plan de Transformación, Recuperación e Resiliencia do Goberno do Estado, cos cinco obxectivos de política de cohesión europea 2021/2027 e coa Axenda 2030.  "Todas as propostas -informou Silva- están deseñadas para chegar, por unha banda, a todos os concellos de menos de 50.000 habitantes para a modernización, dixitalización, transición a unha administración comprometida cos valores medioambientais, e, por outra, para a modernización da propia institución provincial".

En concreto, os 10 programas van estar centrados, tal e como explicou a presidenta, na cohesión territorial, para dotar ao territorio de equipamentos e dotacións para garantir a prestación de servizos e dereitos;  nos coidados e inclusión social, incluíndo neste eido a modernización e dixitalización de cuestións encamiñadas a implantar un novo modelo de coidados; no emprendemento e formación laboral, para formar á cidadanía nos novos modelos de actividade económica e achegarlle os instrumentos necesarios para integrarse nos mesmos; no avance do turismo intelixente e sostible; na cultura, para fortalecer a industria cultural e o talento da provincia; e na administración eficiente e innovadora, para modernizar a relación da administración coa veciñanza e fortalecer as capacidades dixitais da cidadanía.

Pola súa banda o vicepresidente explicou outros dos programas que se inclúen no Plan Estratéxico Provincial de Fondos Europeos como son a axenda urbana e mobilidade sostible, na que xa están a traballar gran parte dos concellos e que vai encamiñada a reconverter o espazo público; a economía circular, á que cualificou como "o camiño que temos que seguir" en referencia á xestión dos biorresiduos ligados ao sector primario, destacando a necesidade de "dar o salto e contar coa colaboración de todas e de todos"; a dixitalización, eficiencia enerxética e posta en valor dos recursos patrimoniais e a transición verde e protección hídrica e forestal.

Amais do Plan Estratéxico Provincial dos Fondos Europeos a presidenta tamén detallou ás alcaldesas e alcaldes que a Deputación está a presentarse a todas as manifestacións de interese que o goberno está publicando. Así, Silva informou que xa ten adiantado proxectos adaptados e centrados nos concellos de menos de 5.000 habitantes e que tamén está a traballar en iniciativas relacionadas coa implantación do 5G. Neste eido, a presidenta expresou a vontade de que os concellos poidan tamén presentar proxectos no marco destas manifestacións de interese e amosou o compromiso de enviarlles información puntual das convocatorias.

A Deputación de Pontevedra solicita propostas aos concellos para incorporalas ao seu Plan Estratéxico dos Fondos Europeos