A información será de utilidade para planificar investimentos ou deseñar políticas

A Deputación da Coruña elaborará un Barómetro Socioeconómico Local

A Deputación da Coruña saca a concurso a creación, publicación e mantemento do Barómetro Socioeconómico Local, unha nova ferramenta en liña que permitirá "radiografar" a realidade social e económica do territorio provincial.
A Deputación da Coruña elaborará un Barómetro Socioeconómico Local
O Barómetro estará integrado coa base de datos da Deputación da Coruña.
O Barómetro estará integrado coa base de datos da Deputación da Coruña.

"O Barómetro recollerá, de forma simple e intuitiva, datos compilados de fontes oficiais e amosará mediante gráficos e mapas interactivos a situación actual e a evolución temporal e territorial de indicadores relativos ao mercado laboral, a evolución demográfica, a economía e competitividade, a cohesión social...así como datos do catastro, urbanismo e vivenda, transporte ou xestión económica do sector público", afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso que destacou "a utilidade" desta información á hora de planificar investimentos ou deseñar políticas efectivas para a dinamización económica de cada territorio.

O Barómetro permitirá a realización de informes, pirámides de poboación ou mapas temáticos que faciliten unha comparación sociométrica de distintos concellos ou comarcas, ofrecendo unha perspectiva da súa evolución ao longo do tempo.

Integrada cos 4,5 millóns de datos da EIEL

Esta nova ferramenta en liña estará completamente integrada e coordinada coa Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais (EIEL) da Deputación, unha inxente base de datos adaptada a un sistema XIS de información xeográfica que permite, cun simple clic, acceder a máis de 4,5 millóns de datos coma os equipamentos culturais, deportivos ou sanitarios de cada municipio, os quilómetros de rede viaria cos que conta, a subministración eléctrica e o acceso a internet ou o abastecemento e saneamento de auga e que xa é accesible para as administracións públicas e á cidadanía.

A Deputación da Coruña elaborará un Barómetro Socioeconómico Local