Punto de encontro para analizar o impacto que suporía a instalación de parques eólicos mariños nas costas de Galicia

Constituído o Observatorio da eólica mariña

Vén de constituirse o Observatorio da eólica mariña, un novo instrumento que será un punto de encontro onde identificar oportunidades e analizar o impacto que suporía a instalación de parques eólicos mariños nas costas galegas.

Constituído o Observatorio da eólica mariña
Constitución en Santiago do Observatorio da eólica mariña./X.CRESPO.
Constitución en Santiago do Observatorio da eólica mariña./X.CRESPO.

O Observatorio da eólica mariña queda conformado por representantes da Xunta (membros da Vicepresidencia segunda e das Consellerías do Mar e de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda); da industria -Asime- e do sector pesqueiro –tanto das confrarías como do Consello Galego de Pesca–.

Na súa constitución participaron o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana. Os representantes da Xunta defenderon que cada paso que se dea no desenvolvemento do sector da eólica offshore sexa sometido ao acordo de todas as partes implicadas.

Tal e como defendeu o vicepresidente económico, o obxectivo é avanzar neste camiño da man do sector industrial, o marítimo-pesqueiro e as entidades e organizacións vinculadas. A conselleira do Mar engadiu que o Executivo galego apostará sempre polo diálogo, o consenso e a transparencia con todos os actores afectados para impulsar o desenvolvemento da Economía Azul e das actividades vencelladas co mar.

Ao acto asistiu unha representación do tecido industrial de Galicia, a través de Asime, así como do sector pesqueiro galego, aos que se lles trasladou que o obxectivo é garantir o desenvolvemento desta tecnoloxía renovable desde o respecto, o equilibrio e a compatibilidade coas actividades pesqueiras e a preservación do seu ecosistema. Tal e como explicou a conselleira do Mar a prioridade da Xunta ante a posta en marcha de calquera actividade nova no mar é garantir a sustentabilidade das actividades xa existentes.

Para desenvolver o seu labor o Observatorio tomará como base estudos medioambientais e socioeconómicos e fomentará o diálogo con entidades nacionais, europeas e internacionais relacionadas con esta actividade. Entre as súas funcións estarán a promoción de foros técnicos de coñecemento, a creación dun espazo de información entra as administracións públicas e os sectores e a elaboración de estudos sobre oportunidades, impacto e potencial industrial.

Conde incidiu en que, aínda que Galicia conta con experiencia e capacidade instalada e o marco nacional e europeo neste contexto de transición ecolóxica convidan a afondar no desenvolvemento do sector, é o Estado ao que lle corresponde tramitar e autorizar estas instalacións.

Constituído o Observatorio da eólica mariña