XUNTANZA CO PRESIDENTE DA XUNTA

O Consello Galego de Enxeñerías presenta máis de 100 medidas para desenvolver Galicia

O Consello Galego de Enxeñerías (CGES) presentou ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, un documento que recolle un total de 107 medidas para o desenvolvemento de Galicia.

O Consello Galego de Enxeñerías presenta máis de 100 medidas para desenvolver Galicia
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reunido con membros do Consello Galego de Enxeñerías. /D.CABEZÓN.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reunido con membros do Consello Galego de Enxeñerías. /D.CABEZÓN.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mantivo este xoves un encontro no seu despacho en San Caetano cos decanos dos oito colexios profesionais galegos de enxeñerías reguladas, integrados no Consello Galego de Enxeñerías (CGES).

O presidente do CGES, Oriol Sarmiento Díez, explicou que este documento “xorde da visión que ten cada Enxeñería agrupada no CGES acerca das cuestións de importancia para o desenvolvemento e mellora da nosa contorna a nivel rexional pero desde un prisma global. Por iso, condensamos ese catálogo de intereses, prioridades e oportunidades en 20 temáticas e máis de 100 medidas que buscan un futuro mellor, seguro e viable”. Un documento que hoxe presentaron ao presidente da Xunta de Galicia e que en próximas datas presentarán en sociedade.

Oriol Sarmiento salientou a “boa receptividade amosada polo presidente da Xunta de Galicia, pois temos constancia de que é consciente da importancia destas cuestións á hora de programar o futuro da nosa sociedade, que xa ten avanzado moito”. O presidente do CGES destaca o avance e a transformación experimentada por Galicia nos últimos anos, onde a enxeñería xogou un importante papel, e apunta que o documento “recolle unha serie de oportunidades que dende a Enxeñería cremos que poden supoñer un elemento de competitividade e de desenvolvemento para Galicia e para os galegos”. Neste sentido, os membros do CGES destacaron que a asociación conta con máis de 5.000 profesionais de alta formación e cualificación a nivel internacional, dispostos e preparados para resolver problemas.

Ademais de Oriol Sarmiento Díez, presidente do CGES e decano do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, á xuntanza asistiron Antonio López Blanco, vicedecano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia;  Julio Sánchez Agrelo, vicesecretario do CGES e decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia; Juan José Iglesias Suárez, tesoureiro do CGES e decano da Delegación de Galicia do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste; José Joaquín de Troya Calatayud, vogal do GES e decano da delegación territorial de Galicia do Colexio Oficial de Enxeñeiros Navais; e Juan Picos Martín, vogal do CGES e decano da Demarcación de Galicia do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Montes. Estivo tamén presente a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.

Comentarios
O Consello Galego de Enxeñerías presenta máis de 100 medidas para desenvolver Galicia