Os dous grupos de desenvolvemento rural impulsan o proxecto “Viña e Froita”

Viticultura e fruticultura, alternativas para as terras agrarias en Condado Paradanta e Mariñas Betanzos

Os grupos de desenvolvemento rural Condado Paradanta e Mariñas Betanzos explorarán a viticultura e a fruticultura como novas alternativas para as terras agrarias, a través do proxecto de cooperación LEADER “Viña e Froita”, que foi presentado o pasado venres no concello pontevedrés de As Neves.
Viticultura e fruticultura, alternativas para as terras agrarias en Condado Paradanta e Mariñas Betanzos
Os GDR Condado Paradanta e Mariñas Betanzos presentaron o proxecto "Viño e froita" no concello de As Neves.
Os GDR Condado Paradanta e Mariñas Betanzos presentaron o proxecto "Viño e froita" no concello de As Neves.

A iniciativa “Viña e Froita”, que está cofinanciada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) da Xunta de Galicia, fondos Feader e a Administración xeral do Estado, ten carácter bianual (2022 – 2023) e busca favorecer a ordenación do territorio, o aproveitamento das terras agrarias abandonadas e a mitigación dos danos causados por pragas; todo elo enmarcado nos sectores vitivinícola e frutícola dos territorios de actuación dos dous grupos de desenvolvemento rural (GDR) promotores.

Segundo o presidente do GDR Condado Paradanta, Pablo Castillo, a entidade está decidida “a apostar polo sector primario no territorio, entre outros motivos polo peso da viticultura na economía da zona. Así mesmo tamén procura abrir novas vías de emprendemento para a veciñanza no eido da fruticultura.”

Pola súa banda, o presidente do GDR Mariñas Betanzos, José Antonio Santiso, destacou o papel das entidades locais e dos profesionais cualificados cos que conta a Comunidade. “Os grupos de desenvolvemento rural supoñen un gran soporte para dinamizar a economía rural e agraria en Galicia, e teñen moito que achegar para que o traballo no rural sexa unha alternativa de calidade de vida.”

O alcalde das Neves e vicepresidente do GDR Condado Paradanta, Xosé Manuel Rodríguez, incidiu na necesidade de “reverdecer o rural co obxectivo de que este se converta nun medio de vida. É necesaria a reagrarización de Galicia e debemos ter un plan a executar como o de Viño e Froita”, subliñou o rexedor.

Liñas de actuación

O xerente do GDR Condado Paradanta, Paco González, presentou as accións a desenvolver no marco do proxecto “Viño e Froita” que consisten en elaborar un estudo básico das posibilidades de crecemento das explotacións; deseñar e implementar estratexias emerxentes, ambientalmente sostibles para o control de pragas; e procurar outras alternativas para as terras agrarias abandonadas a través da identificación de cítricos no Condado Paradanta e da mazá na zona do GDR Mariñas Betanzos.

Segundo o xerente da entidade supramunicipal, “as accións levaranse a cabo ao longo do ano e contarán ademais coa elaboración de guías e xornadas divulgativas entre a veciñanza”.

No proxecto participan como entidades colaboradoras outras organizacións, públicas e privadas. No territorio do GDR Mariñas Betanzos, colaborará o Concello de Paderne; e no do GDR Condado Paradanta, serán os concellos  de A Cañiza, As Neves, Covelo, Mondariz e o concello de Salvaterra. Ademais, procurarase a incorporación do sector empresarial vinculado o ámbito Viño e Froita, como poden ser produtores, adegas, empresas transformadoras, comercializadoras, etc.

A xornada de presentación contou con dúas mesas de debate, a primeira relacionada coa viticultura na zona da Denominación de Orixe Rías Baixas, e Indicación Xeográfica Protexida Viños de Betanzos,  e a segunda centrada na fruticultura. 

Viticultura e fruticultura, alternativas para as terras agrarias en Condado Paradanta e Mariñas Betanzos