Xuntanza da alcaldesa e equipo redactor do PXOM co director do IGVS

O Concello do Rosal interésase na Xunta pola execución da área industrial supramunicipal

A alcaldesa do Rosal mantivo este mércores unha reunión con responsables do Instituto de Vivenda e Solo (IGVS) para abordar a situación na que se atopa na actualidade o parque empresarial supramunicipal A Guarda-O Rosal.
O Concello do Rosal interésase na Xunta pola execución da área industrial supramunicipal
A alcaldesa, Ánxela Fernández, xunto ao equipo redactor do PXOM, no encontro co director do IGVS, Heriberto.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, xunto ao equipo redactor do PXOM, no encontro co director do IGVS, Heriberto García.

A rexedora do Rosal, Ánxela Fernández Callís, acudiu ao encontro co director xeral do Instituto de Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, acompañada polo equipo técnico redactor do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Rosal, que se atopa nestes intres en pleno desenvolvemento. 

A execución deste parque empresarial, de máis de 272.000 metros cadrados de superficie situados en terreos do barrio de O Viso e de A Gándara, foi aprazada hai unha década pola Xunta de Galicia. Para o equipo técnico coñecer o plan previsto para esta zona é fundamental, xa que influirá directamente na redacción do novo PXOM do Rosal.

Para o Concello a posta en marcha deste parque empresarial de competencia autonómica é unha prioridade, xa que “o polígono supón unha aposta de futuro para o desenvolvemento do municipio”. “A área sur do Baixo Miño é unha zona moi activa cun marcado carácter transfronteirizo na que é esencial que haxa un asentamento industrial estable”, explica a rexedora. A creación dese solo industrial non soamente “permitiría xerar dinamismo económico na zona, senón que axudaría de forma importante por exemplo a fixar poboación”.

O Concello seguirá insistindo, traballando e colaborando para que o órgano competente, que é a Xunta de Galicia, priorice e desenvolva este parque empresarial.

O Concello do Rosal interésase na Xunta pola execución da área industrial supramunicipal