Mobilización fronte á Subdelegación do Goberno en Pontevedra

O comité de Ence pide constituír de inmediato a mesa de traballo sobre o futuro da pasteira

O comité de empresa de Ence reclamaralle este mércores ao Ministerio de Transición Ecolóxica que concrete a data co obxectivo de constituír de xeito inmediato a mesa de traballo para buscar unha solución que garanta o futuro do emprego na planta de Lourizán.
O comité de Ence pide constituír de inmediato a mesa de traballo sobre o futuro da pasteira
Concentración de traballadores de Ence diante da Subdelegación do Goberno en Pontevedra.
Concentración de traballadores de Ence diante da Subdelegación do Goberno en Pontevedra.
A representación do persoal de Ence desenvolveu este martes unha concentración diante da Subdelegación do Goberno en Pontevedra no marco da súa loita para forzar unha alternativa que remate coa incerteza sobre o futuro da pasteira.

Dende o comité, presidido pola CIG, demandan unha mesa de traballo na que estean representados os Gobernos español e galego, a dirección da compañía e o cadro de persoal co obxectivo de atopar unha solución definitiva que garanta o futuro de todos os postos de traballo. Mais entenden que a súa formación ten que ser inmediata, e así llo trasladarán aos responsábeis do Ministerio de Transición Ecolóxica na reunión que terá lugar este mércores Madrid.

A representación sindical mantivo nos últimos tempos unha serie de xuntanzas cos partidos políticos con representación nos Gobernos do Estado e da Xunta, e o mes pasado reuníronse co PSdeG e cos dous vicepresidentes do Goberno galego, Alfonso Rueda e Francisco Conde, e tamén solicitaron xuntanzas cos Ministerios de Industria e de Transición Ecolóxica.

O obxectivo é forzar unha solución que remate coa situación de incerteza na que se atopan como consecuencia de que a concesión administrativa da fábrica de celulosa está xudicializada para dirimir até cando se prolonga, “pero saia ben ou mal o que está claro é que haberá recursos, o que prolongará a incerteza durante moito tempo máis”.

A isto hai que sumar a tramitación da Lei de Transición Ecolóxica, “e segundo a quen consultes dinche que se pode aplicar con carácter retroactivo ou non; o PSdeG e os nosos avogados sosteñen que non se pode aplicar con carácter retroactivo, mentres a Xunta e a propia empresa aseguran que si que nos vai afectar”.

Por iso demandan a creación urxente dunha mesa de traballo para buscar unha solución que garanta o futuro de todos os postos de traballo, tanto en Ence como en todo o sector forestal galego.

O comité de Ence pide constituír de inmediato a mesa de traballo sobre o futuro da pasteira