Organiza concentracións este xoves na Coruña, Lugo, Santiago, Ourense e Vigo

A CIG reclama un convenio colectivo digno para o sector da banca

O sindicato CIG-Banca realizará este xoves concenracións de protesta ante o non avance das negociacións para a sinatura dun novo convenio colectivo para o sector bancario.
A CIG reclama un convenio colectivo digno para o sector da banca
Delegados da CIG protestan diante da oficina de Abanca na rúa Nova da Coruña nunha protesta anterior.
Delegados da CIG protestan diante da oficina de Abanca na rúa Nova da Coruña nunha protesta anterior.

O actual convenio colectivo de banca, vencido en decembro de 2018 e prorrogada a súa ultraactividade ata o 31 de decembro de 2020, e a negociación dun novo non avanza, denuncian desde CIG-Banca. "A posición inmobilista da patronal, cunha proposta “pre-pandemia”de recortes en dereitos e conxelación salarial non permitiu chegar a acordos", salienta o sindicato nun comunicado de prensa.

Ao seu xuízo, a proposta salarial da patronal profundiza na perda de poder adquisitivo sufrida nos dous convenios anteriores, cunha proposta de suba do 0,50 para os anos 2022 e 2023 respectivamente, deixando os anos 2019, 2020 e 2021 sen revisión salarial. Ademais engaden un recorte salarial a través dunha modificación na percepción dos trienios por antigüidade, que na práctica supón a consolidación a futuro dunha rebaixa nas cantidades a percibir por este concepto. 

A CIG-Banca entende que non é momento de recortes, senón "de recoñecer o esforzo realizado polas traballadoras e traballadores do sector". Refírense ao feito de que o servizo bancario foi considerado servizo esencial desde o inicio da pandemia, "e os seus traballadores e traballadoras responderon con responsabilidade e sacrificio, prolongando durante meses a súa xornada laboral (e seguen a facelo), para prestar ese servizo ao conxunto da sociedade, en detrimento da súa vida persoal e da súa saúde en moitos casos, sen que eses excesos de xornada se viran compensados de ningunha forma, tal e como obriga a lei".

Por todas estas razóns, a CIG considera necesario denunciar publicamente, con concentracións nas distintas cidades galegas, o difícil momento que están a vivir os traballadores e traballadoras do sector, reivindicando a necesidade "dun convenio xusto que garanta unhas condicións laborais dignas". As concentracións realizaranse cun número reducido de persoas e desenvolveranse de xeito paralelo na Coruña, Lugo, Santiago, Ourense e Vigo, fronte a oficinas de BBVA, Banco Santander e Banco Sabadell.

Comentarios
A CIG reclama un convenio colectivo digno para o sector da banca