O sindicato considera que as entidades bancarias están a recurtar servizos e en dereitos coa excusa da crise sanitaria

A CIG protesta contra os recortes laborais e nos servizos de caixa en Abanca e BBVA

As seccións sindicais da CIG no BBVA e en Abanca realizaron este xoves concentracións en oficinas das dúas entidades bancarias na Coruña para denunciar "os abusos patronais" e os "recortes de servizos á clientela que ambas empresas están a impor aproveitando a situación de emerxencia sanitaria".
A CIG protesta contra os recortes laborais e nos servizos de caixa en Abanca e BBVA
Delegados da CIG protestan diante da oficina de Abanca na rúa Nova da Coruña.
Delegados da CIG protestan diante da oficina de Abanca na rúa Nova da Coruña.

A primeira protesta tivo lugar na oficina do BBVA do Cantón Pequeno para denunciar o recorte ou eliminación do servizo de caixa decretado pola entidade durante a pandemia, mais que xa comunicou que se manterá de maneira permanente. "Estamos ante unha reestruturación que non foi nin comunicada nin negociada previamente coa representación social, a pesar de que afecta ao emprego, a distribución do tempo de traballo, aos salarios e ás funcións", subliñou Miguel Fernández,  secretario da sección sindical da CIG.

Neste senso, avanzou que esta dixitalización forzosa da clientela afectará ao emprego, xa que naquelas oficinas nas que restrinxe o horario de atención ou se eliminan as caixas, "haberá unha redución dos postos de traballo e o persoal terá que facer máis funcións de carácter comercial".

Esta recorte do horario, engadiu Fernández,  implica que a atención en caixa só se presta até ás 11 horas e o resto do tempo as xestións teranse que facer a través da banca dixital ou do caixeiro, forzando así as clientas e clientes ao autoservizo. “Esta decisión claramente supón un prexuízo para as persoas maiores, que teñen menos coñecemento das novas tecnoloxías, levando a moitas delas á exclusión financeira”, alertou.

Abanca suprimiu o rexistro da xornada aproveitando a crise sanitaria

A seguir, os delegados da CIG trasladaron a protesta a diante da oficina principal de Abanca na Rúa Nova. Aínda que nesta entidade tamén se comparte a problemática da redución  dos horarios de caixa, coa mobilización quixéronse pór a atención "nos recortes de dereitos, nos despedimentos en Caixa Geral, ou na negativa de Abanca a prorrogar a negociación do convenio colectivo".

Clodo Montero, secretario da sección sindical da CIG, subliñou que co gallo da pandemia, Abanca suprimiu o rexistro horario, obrigando o persoal a realizar horas extra para atender o aumento da carga de traballo "que non se computan e polo tanto nin se cotizan á Seguridade Social, nin se pagan, nin se compensan".

Xunto a isto, Montero rexeitou a actuación da dirección de Abanca que, en pleno estado de alarma, reactivou a negociación dun "ERE encuberto para 250 traballadores de Caixa Geral e dunha modificación da substancial das condicións  de traballo, que entre outras cuestións mudou os horarios laborais do persoal".  

Comentarios
A CIG protesta contra os recortes laborais e nos servizos de caixa en Abanca e BBVA