Convoca unha manifestación o día 30

A CIG lanza un SOS ante a crise do sector industrial en Vigo

Responsables da CIG de Vigo compareceron en rolda de prensa para anunciar a posta en marcha dunha campaña de información e mobilización baixo o lema 'SOS Vigo: polo futuro industrial da comarca, emprego digno e servizos públicos'.
A CIG lanza un SOS ante a crise do sector industrial en Vigo
Responsables da CIG de Vigo presentaron a campaña.
Responsables da CIG de Vigo presentaron a campaña.

Con esta campaña, a CIG quere reclamar solucións á grave crise industrial que atravesa a bisbarra e facer públicas as alternativas que propón a central. O epicentro da campaña será a manifestación que terá lugar na cidade olívica o vindeiro mércores 30, aínda que tamén se levarán a cabo asembleas nos centros de traballo, actos de axitación na rúa e xestións institucionais.

O secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, alertou sobre a destrución de tecido produtivo e emprego que pon en risco a continuidade de actividades estratéxicas para a bisbarra e para o conxunto do país, como a construción naval, “porque malia que o relato oficial insiste na recuperación económica, a realidade é ben diferente”.

Segundo datos da última EPA (2º trimestre do ano), só na cidade hai 6.800 postos de traballo menos no sector industrial e na construción dos que había hai unha década. “A nosa comarca retrocedeu significativamente como motor produtivo e económico de Galiza”. En termos de PIB, descendeu un 1,57% entre 2010 e 2016, mentres que a bisbarra da Coruña aumentou un 21,54% no mesmo período. En consecuencia, o PIB coruñés é un 31% maior ao da comarca viguesa, cando en 2010 era só un 5,54% superior.

Esta caída supón que a área de Vigo deixase de ser o principal polo económico do país, algo que se constata especialmente no caso da industria. As cifras de Valor Engadido Bruto (VEB) amosan como entre 2010 e 2016 as ramas industriais retrocederon por volta dun 6,59%, mentres que na Coruña incrementábanse un 9,28%.

Gonçalves denunciou que este proceso de “desertización produtiva e desmantelamento industrial” está empurrando a comarca a ser cada vez máis dependente do sector servizos, onde como demostra a evolución do paro rexistrado o emprego é moito máis precario, cunha elevadísima taxa de temporalidade e cun cada vez maior peso da contratación a tempo parcial e con menores salarios. “En consecuencia, a desindustrialización que padecemos está a provocar máis desemprego, máis precariedade e máis empobrecemento e pobreza”.

Proba da mala calidade do emprego é que só na cidade de Vigo, no primeiro trimestre deste ano, contabilizáronse 7.000 empregos indefinidos menos que en 2009, pero 2.300 máis eventuais que 10 anos antes, segundo datos da EPA.

Naval e automoción

O máximo responsábel da CIG-Vigo fixo especial fincapé na situación que atravesan dous sectores fundamentais para a comarca, como son o naval e a automoción. Do primeiro, inmerso no peche de Vulcano e na crise de Barreras, dixo que se enfronta a unhas difíciles perspectivas de futuro “se non hai un xiro radical nas políticas industriais da Xunta”.

No caso da automoción, incidiu en que vén de padecer unha importante vaga de ERE e perda paulatina de cadro de persoal, así como a precarización absoluta das condicións de traballo e o aumento da explotación laboral. A todo isto hai que sumar a constante ameaza da deslocalización, sinala o sindicato.

A esta crise industrial hai que sumar o “efecto letal” que están a ter as políticas de recorte e privatización dos servizos públicos, de maneira especial no ámbito da sanidade. 

Chamada de emerxencia

Diante deste diagnóstico “tan preocupante”, o secretario comarcal da CIG-Vigo fixo un chamamento a participar na manifestación convocada polo CIG para o vindeiro mércores 30 dende Vía Norte ás 20 horas. “Queremos que sexa unha grande marcha cidadá para reclamar o noso dereito a vivir dignamente do noso traballo na nosa terra; unha chamada de emerxencia que agardamos se converta nun clamor histórico nas rúas da cidade”.

Con esta intención nos vindeiros días a central convocará os movementos sociais e o tecido asociativo para que se sumen e apoien a mobilización.

A CIG lanza un SOS ante a crise do sector industrial en Vigo