Convoca unha concentración o 11 de xullo e unha manifestación o 15 de xullo

A CIG intensifica as mobilizacións en defensa do naval

A CIG intensificará nos vindeiros días as mobilizacións que está a desenvolver en defensa do naval vigués, reivindicación á que agora se suma a denuncia da represión sindical que se vive en Barreras tras o despido do delegado da central sindical no comité de empresa.
A CIG intensifica as mobilizacións en defensa do naval
o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que compareceu diante dos medios de comunicación en Vigo xunto ao secretario comarcal, Alberto Gonçalves, e o propio traballador despedido, Rafa Pérez.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril (centro), en rolda de prensa xunto ao secretario comarcal, Alberto Gonçalves, e o traballador despedido en Barreras, Rafa Pérez.

O vindeiro luns día 12 de xullo, a CIG desenvolverá unha concentración diante do estaleiro Barreras ás 11:00 horas para esixir a readmisión do traballador despedido, mentres que o xoves 15 convoca unha manifestación dende a Dobrada ás 19:00 horas en demanda de solucións para a grave crise que atravesa o sector naval vigués. Así o anunciou en rolda de prensa o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que compareceu diante dos medios de comunicación en Vigo xunto ao secretario comarcal, Alberto Gonçalves, e o propio traballador despedido, Rafa Pérez.

O máximo responsable da central sindical explicou que a manifestación fai parte do calendario de protestas que a CIG leva tempo desenvolvendo para alertar sobre o declive do sector naval e reclamar solucións que garantan a súa continuidade. Carril incidiu en que a estas reivindicacións súmaselle agora a denuncia de "represión sindical" en Barreras co despedimento do representante da central sindical no comité, ao que a empresa acusa de ser o responsable da ocupación simbólica das instalacións do estaleiro por parte da CIG o pasado 27 de maio. “Temos claro que se trata dunha acción represiva para intentar amedrentar e calar a quenes estamos a defender a continuidade do emprego”, asegurou.  “Alegan que cometín dúas faltas moi graves durante a ocupación do estaleiro, acción na que eu nin participei, aínda que me acusan de ser o responsábel de todo”, expuso o despedido.

O secretario xeral da CIG está convencido de que con esta manobra Barreras “pretende calar a loita que estamos a dar no sector naval”.  “Sobre todo nun contexto no que a negociación dun ERTE está a piques de comezar”, subliñou Carril.

Creación dunha mesa sobre a crise do naval

Segundo Carril, a súa intervención que a comarca de Vigo atópase inmersa nun “cóctel explosivo”, xa que á crise do naval estase a estender a boa parte dos estaleiros (Vulcano, Barreras, Metalships, etc). “Aquí ninguén está a salvo, tendo en conta a nula política industrial da Xunta e a inacción do Goberno estatal”. Segundo indicou, a isto hai que sumarlle a vixencia da reforma laboral, que permite “situacións como as que estamos a padecer, con despedimentos masivos e precarización das condicións laborais”. Neste contexto, a entrada en vigor do convenio provincial do metal “non fixo máis que empeorar a situación”.

Reiterou ademais que para a CIG a única solución para Barreras pasa por unha intervención pública directa. “Non pode ser que os Gobernos español e galego estean pendentes de resolver non se sabe que créditos en favor do estaleiro sen que exista un plan industrial que garanta carga de traballo e polo tanto o emprego”. Para o sindicalista, a importancia de Barreras transcende a propia comarca de Vigo, até o punto de que é unha empresa fundamental para o sector naval galego. En consecuencia, demandou a creación urxente dunha mesa para abordar a crise do naval vigués.

A CIG intensifica as mobilizacións en defensa do naval