Este xoves 3 de febreiro

A CIG convoca mobilizacións contra a reforma laboral

A CIG convoca mobilizacións de delegados este xoves, 3 de febreiro, para amosar o seu rexeitamento á nova reforma laboral, coincidindo co debate e votación no pleno do Congreso dos Deputados do Real Decreto Lei 32/2021.
A CIG convoca mobilizacións contra a reforma laboral
Mobilización contra a reforma laboral do pasado 30 de xaneiro na Coruña./WEB CIG.
Mobilización contra a reforma laboral do pasado 30 de xaneiro na Coruña./WEB CIG.

A CIG insta ás forzas nacionalistas e de esquerda "a non validar unha normativa que consolida a precariedade" e reclama unha nova lexislación "que permita recuperar os dereitos roubados e mellorar as condicións de traballo para termos emprego e salarios dignos".

As concentracións de delegados terán lugar ás 11 horas en Vigo, diante da Dirección Provincial do SEPE; en Santiago, na Praza de Galicia, e en Ourense, na Subdelegación do Goberno; e ás 12 horas na Coruña, fronte á Delegación do Goberno (á que asistirá o seu secretario xeral, Paulo Carril); en Pontevedra, na Subdelegación do Goberno; en Ferrol, na Praza de Armas, e en Lugo, na Subdelegación do Goberno.

Con estas concentracións a CIG dá continuidade ás mobilizacións realizadas o pasado domingo 30 de xaneiro contra este novo pacto social “que vén enterrar máis dereitos laborais e que significa consolidar as reformas de 2010 e 2012, ao seguir dándolle a patronal todo o poder para que poida despedir fácil e barato, aplicar ERE, ERTE e modificacións substancias das condicións de traballo, baixar salarios e estender a precariedade e a pobreza laboral".

A reforma laboral é, a xuízo da central sindical, "un novo instrumento que vai favorecer as nefastas políticas do PP e de Feijóo en Galiza e constitúe a peor solución para afrontar de maneira xusta a crise social e industrial que padece o noso país, a actual carestía da vida e os cambios que se están a dar no mundo do traballo resultado dos procesos da descarbonización e dixitalización".

Por estes motivos, a CIG seguirá esixindo "a derrogación inmediata das reformas laborais de 2010 e 2012" e reivindicando "o dereito a negociar os convenios colectivos no noso país, de xeito que as persoas traballadoras poidamos decidir sobre as nosas condicións de traballo e que non sexan as cúpulas sindicais as que o fagan por nós dende Madrid".

A CIG convoca mobilizacións contra a reforma laboral