Este xoves nas sete grandes cidades galegas

A CIG convoca mobilizacións en defensa da industria e do emprego

O sindicato CIG convocou para este xoves 30 de xaneiro mobilizacións nas sete grandes cidades “Na defensa da industria e do emprego en Galiza”.
A CIG convoca mobilizacións en defensa da industria e do emprego
Lema das concentracións convocadas pola CIG.
Lema das concentracións convocadas pola CIG.

A CIG sinala nun comunicado que nos últimos meses "unha crise industrial que percorre Galiza de norte a sur e que ten lugar baixo a ameaza dunha recesión económica": Por iso, a primeira forza sindical na nosa Comunidade organiza este xoves concentracións "para esixir a derrogación das reformas antiobreiras e cambios reais nas políticas que nos permitan recuperar os dereitos roubados e vivir e traballar dignamente na nosa Terra" . 

As citas son en Vigo, a partir das 18:30 horas con saída desde vía Norte; en Santiago, ás 19:30 horas, desde a Alameda; e ás 20 horas, na Coruña,desde a praza de Vigo, en Pontevedra, desde a praza da Peregrina, en Ferrol, desde a praza do Himno e en Lugo desde o Edificio Sindical.  En Ourense haberá unha concentración ás 11 horas ante a Subdelegación do Goberno. 

O secretario comarcal da CIG da Coruña, Xabier Filgueira, fai un chamamento a participar nesta mobilización para esixir medidas ante a crise industrial que atravesa Galiza e que afecta de maneira especial á comarca coruñesa, "con empresas emblemáticas como Ferroatlántica, EMESA, Isidro 1952, ou a antiga Alcoa sumidas nunha incerteza absoluta e con ameaza sobre o futuro dos empregos e da súa actividade produtiva".

Filgueira reclama dos Gobernos español e galego medidas concretas que contribúan a paliar esta situación, garantindo o futuro da actividade industrial e dos postos de traballo. Neste camiño insiste na necesidade de derrogar as reformas laborais e das pensións de maneira inminente e total "porque non valen leves reformiñas nin maquillaxes, hai que ir a unha supresión integral destas reformas que só serviron para empobrecer a clase traballadora e estender a precariedade e a pobreza laboral".

A CIG convoca mobilizacións en defensa da industria e do emprego