Baixo o lema “Contra a pobreza, políticas públicas e salarios dignos”

A CIG convoca 16 manifestacións para conmemorar o Día Internacional da Clase Traballadora

A CIG celebrará este Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora, nas rúas. 16 localidades galegas acollerán manifestacións da central sindical baixo o lema “Contra a pobreza, políticas públicas e salarios dignos” e cun paquete de propostas para facer fronte ao "descontrolado" incremento de prezos dos produtos básicos.
A CIG convoca 16 manifestacións para conmemorar o Día Internacional da Clase Traballadora
Cartel da convocatoria do Primeiro de Maio da CIG.
Cartel da convocatoria do Primeiro de Maio da CIG.

Explican desde a CIG qu ea conmemoración do Primeiro de Maio neste 2022 "ten lugar no medio da crítica situación económica e social pola carestía da vida na que xa viviamos, agravada polas consecuencias da guerra na Ucraína". Neste senso, a CIG propón un paquete de medida urxentes para atallar o impacto que os altos prezos dos bens e servizos básicos están a ter sobre as clases populares. Estas propostas, expón a central sindical, r"equiren dunha decidida intervención pública e inciden en varios ámbitos para poder garantir unhas condicións de vida dignas".

Entre as medidas destacan as relacionadas coa electricidade, como a creación dunha tarifa eléctrica especial; cos salarios, cunha proposta de incremento salarial do 4,5% e a inclusión nos convenios dunha cláusula de revisión salarial con carácter retroactivo conforme ao IPC interanual acumulado; ou co emprego, como a prohibicón de simultanear a aplicación dun ERTE con outras medidas de recorte e que as empresas que se acollan a ERTEs estean ao día na actualización das revisións salariais.

A CIG tamén inclúe medidas relacionadas co combustible, como a petición ao Goberno para que fixe un prezo máximo de gasolina e diésel mentres non se estabilicen os prezos; mobilidade; e alugueiro, propondo conxelar as cláusulas de actualización das rendas de alugueiro en todos os conceptos durante o ano 2022.

Manifestacións en 16 localidades

A CIG convoca este 1 de maio manifestacións nas sete cidades galegas e noutras vilas. A maioría delas partirán a mediodía, como as da Coruña, Cee, Santiago de Compostela, Ribeira, Ferrol, As Pontes, Lugo, Foz, Verín, O Barco, Vilagarcía de Arousa, A Estrada e Vigo. En Ourense e Pontevedra as manifestacións da central sindical partirán ás 11:30 horas e en Cangas será ás 18 horas.

A CIG convoca 16 manifestacións para conmemorar o Día Internacional da Clase Traballadora