Agarda unha solución para a fábrica de San Cibrao antes do 30 de setembro

A CIG acolle con cautela o anuncio de Industria sobre Alcoa

A CIG acolle con cautela o anuncio realizado este luns polo Ministerio de Industria a respecto do desbloqueo do proceso de venda da planta de San Cibrao e a concreción dunha nova data tope para pechar a operación.
A CIG acolle con cautela o anuncio de Industria sobre Alcoa
Á espera de coñecer a valoración do encontro e os termos do falado por parte da propia Alcoa, a CIG agardaba que a reunión en Pittsburgh resultara no anuncio dunha solución para Alcoa San Cibrao máis pronta no tempo, pero que se sitúa agora no horizonte do 30 de setembro.

Este atraso prodúcese malia todo o tempo transcorrido xa dende o anuncio de ERE por Alcoa -en maio do pasado ano- e cando hai varias empresas con ofertas e propostas de compra coñecidas dende hai semanas. “Esperamos que este anuncio non sexa un intento de gañar tempo por ningunha das partes implicadas e que desta vez si se materialice nunha rápida solución para a fábrica de aluminio no sentido que levamos meses reivindicando: garantía de recuperación de todas as capacidades produtivas e mantemento de todos os postos de traballo”, sinala o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.

A CIG continúa a defender que a fórmula ideal para garantir o éxito desta operación é que a SEPI adquira as instalacións e, a través da empresa pública, buscar o mellor grupo comprador, coa calma necesaria para non cometer os mesmos erros que nas plantas da Coruña e Avilés e coa tranquilidade de manter empregos e produción en tanto se resolve a operación.

En calquera caso, engade Carril, urxe apartar a Alcoa da propiedade e dirección da fábrica pois resulta evidente que non abandonou o seu plan de peche e despedimentos. Por esta razón, a CIG reitera tamén a necesidade de proseguir coa mobilización e a loita no centro de traballo e nas rúas para forzar a todas as partes a materializar, antes do 30 de setembro, esa solución de futuro industrial pola que A Mariña está pelexando dende hai máis dun ano.

Comentarios
A CIG acolle con cautela o anuncio de Industria sobre Alcoa