En Galicia iniciaranse o 2 de outubro

CCOO e UGT convocan marchas en defensa de «pensións dignas»

Os sindicatos CCOO e UGT preparan unha gran mobilización estatal baixo o lema «en marcha por pensións dignas».

CCOO e UGT convocan marchas en defensa de «pensións dignas»
Dirixentes de CCOO e UGT-Galicia presentaron en Santiago a campaña en defensa de pensións dignas.
Dirixentes de CCOO e UGT-Galicia presentaron en Santiago a campaña en defensa de pensións dignas.

Os secretarios xerais de CCOO e UGT en Galicia, Ramón Sarmiento e José Antonio Gómez, respectivamente, xunto co secretario xeral da FPX-CCOO, Carlos Mella, e da UXP-UGT, Valentín Tato, ofreceron unha rolda de prensa en Santiago na que presentaron as marchas por #PensiónsDignas, unha campaña estatal que vai ter a súa máxima expresión cun conxunto de marchas que partirán de varias comunidades autónomas para confluír o día 9 nunha gran concentración na Porta do Sol en Madrid.

José Antonio Gómez explicou que o obxectivo desta campaña é xerar debate social sobre o presente e futuro das pensións, "a rede máis potente de protección social e que dácobertura non só aos 9 millóns de persoas que perciben unha pensión, senón a moitas familias que a día de hoxe dependen delas". De feito, o 40% das pensións cobren por completo as súas respectivas unidades familiares.

Os sindicalistas lembraron que as pensións están a perder poder adquisitivo, situándose en moitos casos no límite do limiar da pobreza e da exclusión. Na actualidade o 40% das pensións que se cobran en Galicia están na contorna dos 600 euros.

Marchas desde o 2 de outubro

Un grupo de xubilados de CCOO e de UGT participará no comezo da mobilización, o luns 2 de outubro, en Santiago de Compostela. Tras participaren na asemblea prevista para as 11 h fronte á sede da Xunta (San Caetano), manifestaranse ata o barrio de San Lázaro e completarán un traxecto de dez quilómetros a pé. O esquema será o mesmo o día seguinte, en Lugo, cunha asemblea ás 11 h na praza Maior e manifestación ata a N-VI, cun traxecto a pé de dez quilómetros en dirección a Benavente. A partir do día 4, os manifestantes galegos confluirán en Ponferrada cos procedentes de Asturias e Castela e León. Con eles continuarán visitando outras localidades, nas que farán asembleas e traxectos a pé de varios quilómetros, ata que o 9 cheguen a Madrid e participen na manifestación central.

CCOO e UGT convocan marchas en defensa de «pensións dignas»