A entidade xa anunciara o peche de 31 oficinas en Galicia

CCOO rexeita o ERE anunciado polo Banco Sabadell

A Federación de Servizos de CCOO de Galicia rexeita o expediente de regulación de emprego (ERE) anunciado polo Banco Sabadell, do que aínda non se coñece o seu alcance concreto, ao entender que non concorren causas que xustifiquen o despedimento colectivo.
CCOO rexeita o ERE anunciado polo Banco Sabadell
Oficina de Banco Sabadell./WEB SABADELL.
Oficina de Banco Sabadell./DPTO. PRENSA SABADELL.
Actualmente,  Banco Sabadell emprega en Galicia a 428 persoas que traballan en 98 oficinas. Porén, antes de se anunciar o ERE xa estaba previsto o peche de 31 destes centros de traballo, co que esta regulación de emprego "podería implicar a fin de máis oficinas e agravar a carencia de servizos financeiros en numerosos concellos galegos", sinalan desde a Federación de Servizos de CCOO de Galicia.

Para CCOO-Servizos, non concorren causas que xustifiquen o despedimento colectivo. De feito, no que vai de ano, malia o axuste de 1.800 empregos no primeiro trimestre do ano —40 deles en Galicia— entre prexubilacións e saídas voluntarias, no que vai de 2021 xa fixo máis de 200 novas contratacións en todo o Estado, "sinal de que non sobra ninguén".

O sindicato explica que tampouco hai causas económicas que o xustifiquen, porque o Sabadell pecheou o primeiro semestre do ano cun beneficio netro atribuído de 220 millóns de euros —un 51,5 % de incremento interanual— e prevé pagar un dividendo do 30 % do beneficio.

Tampouco hai razóns técnicas ou produtivas, posto que que non houbo cambios nin nos medios nin nos instrumentos de produción —que son financeiros e non sofren obsolescencia—, nin variou tampouco a demanda dos produtos e servizos financeiros. De feito, debido á pandemia hai máis demanda de refinanciamentos, avais do ICO e doutros organismos públicos, e proximamente os bancos serán os canalizadores dos fondos europeos Next Generation, o que incrementará a carga de traballo.

Finalmente, CCOO sinala que non hai causas organizativas que se poidan aducir para este despedimento colectivo, pois os posibles cambios de sistemas ou métodos de traballo non son alleos á entidade, "senón forzados por ela". Neste punto, a única razón organizativa podería ser a dixitalización, "pero nin sequera os clientes están tan familiarizados coa contorna dixital como se quere dar a entender e como proba a afluencia ás oficinas", puntualiza o sindicato.

Por todo iso, CCOO rexeitará calquera medida traumática en materia de emprego, polo que calquera saída deberá ser voluntaria ou mediante prexubilacións anticipadas e xubilacións —no Banco Sabadell hai uns dous mil traballadores e traballadoras maiores de 55 anos—, na liña do asinado o pasado mes de decembro.

CCOO rexeita o ERE anunciado polo Banco Sabadell