O sindicato esixe aproveitar o pulo da reforma laboral

CCOO lanza unha campaña para reducir a precariedade na hostalaría

Comisións Obreiras (CCOO) inicia unha campaña co obxectivo de aproveitar o pulo da reforma laboral para reducir a precariedade da hostalaría en Galicia, un sector onde o 45 % dos contratos son temporais e o 29 % do persoal traballa a tempo parcial.
CCOO lanza unha campaña para reducir a precariedade na hostalaría
Juan Zas, Amelia Pérez, Lucía Trenor, na rolda de prensa de CCOO sobre a hostalería.
Juan Zas, Amelia Pérez, Lucía Trenor, na rolda de prensa de CCOO sobre a hostalería.

Para CCOO, non hai escusas para non reducir as taxas de traballo temporal, de contratación a tempo parcial ou de horas extras non remuneradas. Neste punto, o sindicato advírtelles ás empresas que "traballar gratis é escravitude". A secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, considerou moi acaída no tempo a presentación desta campaña, xusto no día a seguir da aprobación da reforma laboral que se pactou no diálogo social. "Este sector é un exemplo da precariedade que esta reforma vai corrixir", apuntou. "Non podemos consentir que se minusvalore un sector tan importante como é a hostalaría. Non son traballadoras ou traballadores de segunda", insistiu a sindicalista.

Precariedade con rostro de muller

Segundo a secretaria xeral de CCOO-Servizos, Lucía Trenor, a hostalaría recuperou practicamente os niveis de actividade previos á pandemia, pero aínda falta por recuperar o mesmo volume de emprego, principalmente polo uso abusivo dos contratos temporais e a tempo parcial, así como a prorrogación das xornadas laborais. Actualmente, o 45 % dos contratos no sector son temporais e o 29 % do persoal traballa a tempo parcial, moi por riba do promedio doutros sectores (25 e 16 %, respectivamente). A precariedade e baixos salarios teñen, ademais, rostro de muller. "Un home en calquera sector cobra o que dúas mulleres na hostalaría", denunciou Trenor.

CCOO lanza unha campaña para reducir a precariedade na hostalaría