IMPULSADO POLA CÁTEDRA EPIFANIO CAMPO

O Campus de Ferrol acollerá un Centro de Interpretación de Residuos Industriais

O primeiro Centro de Interpretación de Residuos Industriais (CIRI) de Galicia estará ubicado na Escola Politécnica Superior do Campus de Ferrol e a súa creación será impulsada pola Cátedra Epifanio Campo, promovida entre a Universidade da Coruña e o Grupo Rodonita Medio Ambiente.
O Campus de Ferrol acollerá un Centro de Interpretación de Residuos Industriais
Sinatura do acordo de colaboración entre o grupo Rodonita e a UDC, o pasado mes de novembro.
Sinatura do acordo de colaboración entre o grupo Rodonita e a UDC, o pasado mes de novembro.

O Centro de Interpretación de Residuos Industriais (CIRI), espazo pioneiro en España, será o primeiro que se dedicará de forma específica á temática dos refugallos procedentes da industria e contará con diferentes seccións onde se mostrará a reciclaxe deste tipo de residuos. Para todo iso, o centro ofrecerá un escenario didáctico, con diferentes paneis e elementos museísticos para amosar a aportación do tratamento de residuos industriais á economia circular e á sostibilidade ambiental, ou a conservación da contorna natural. Ademais, ofreceranse estatísticas e datos numéricos sobre a atividade de xesión de resíduos industriais e o alcance do compromiso de Rodonita Medio Ambiente co desenvolvemento sostible de Galicia. 

O proxecto enmárcase nas actividades da Cátedra Epifanio Campo, froito do compromiso do Grupo Rodonita coa investigación, divulgación, colaboración universidade-empresa e contribución ao desenvolvemento do tecido social da zona. Deste xeito, recóllese o legado do seu fundador, Epifanio Campo Fernández, pioneiro no ámbito da economía circular. A directora da Cátedra Epifanio Campo, María Paz Mateo Orenes, será a encargada de coordinar o desenvolvemento do proxecto do novo centro.

Esta nova andaina pon de manifesto a vontade do Grupo Rodonita -do que forman parte sociedades como PMA, Sogarisa ou Conteco, por dotar dunha dimensión académica aos seus procesos de investigación e innovación e establecer relacións de intercambio nos campos da ciencia e a tecnoloxía, especialmente nas áreas de xestión medioambiental e tratamento de residuos. As actividades enmarcadas na cátedra centraranse na promoción da formación, divulgación, investigación e transferencia de coñecemento.

Comentarios
O Campus de Ferrol acollerá un Centro de Interpretación de Residuos Industriais