Nove colectivos asinan a campaña "Pensa en ti, pensa en nós"

Asociacións empresariais de Compostela animan a respectar as normas de prevención e a un consumo en clave local

Organizacións empresariais, profesionais e sociais de Santiago e comarca lanzan unha campaña conxunta para concienciar á cidadanía sobre a  importancia de se protexer para combater a covid-19, e asemade para fomentar un consumo responsable en clave local.

Asociacións empresariais de Compostela animan a respectar as normas de prevención e a un consumo en clave local
Imaxe da campaña "Pensa en ti, pensa en nós".
Imaxe da campaña "Pensa en ti, pensa en nós".

O apoio ao comercio e a empresa local é a principal mensaxe da campaña, á que se uniron xa nove entidades e organizacións de comercio, empresa, industria e deporte: o Real Aeroclub de Santiago; o centro comercial aberto do Ensanche, Santiago Centro; a organización comarcal Proxeto EmRede; a asociación de comercio do casco histórico Compostela Monumental; o Club Financiero de Santiago; Club de Golf Val de Rois; Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia da Coruña; Asociación Profesional de Empresas Mediambientais e máis a Asociación Nacional de Empresas Distribuidoras de Electrodomésticos.

A campaña "Pensa en ti, pensa en nós" quere ser unha chamada de atención nun momento no que as relacións sociais, o ocio e as compras comezan a normalizarse, incidíndose na necesidade de protexerse para protexer ao resto dos veciños da cidade. Trátase dunha iniciativa sen precedentes, que engloba a entidades de sectores moi diversos, unidas polo convencemento que só desde o traballo conxunto da sociedade se poderá saír da fonda crise sanitaria e económica provocada polo coronavirus. A campaña nace coa vontade de seguir sumando a todos os colectivos que compartan os obxectivos e desexen incorporarse.

Segundo salientan os promotores, "nestas primeiras fases de apertura do confinamento vai ser necesaria moita capacidade de adaptación para afrontar novas situacións, desde a petición de cita para acceder a algúns servizos esta semana á limitación de aforos en establecementos ou o uso de máscara e outros elementos protectores". Neste sentido, os impulsores da campaña insisten en que a protección de todos é unha tarefa comunitaria.

Tamén se quere incidir no feito de que, despois de preto de dous meses de peche, son os negocios locais os que máis precisan do apoio do público. Ademais de viren dunha longa etapa sen actividade, "moitos comercios, establecementos hostaleiros, empresas e industrias deben facer agora fronte á adaptación necesaria para a nova normalidade. A reforma de locais, a introdución de medidas de hixiene que redundan na comodidade e na seguridade dos clientes e o deseño de novos protocolos para a atención ou a almacenaxe de produtos significarán un reto para todos. Tamén significan un custe adicional a uns sectores xa moi prexudicados por esta crise sen precedentes", apuntan as asociacións implicadas.

A campaña conxunta quere recordar que "os negocios locais fan cidade, reverten os beneficios na comunidade e son parte fundamental non só da economía dunha localidade, senón da propia viveza das súas rúas. O respaldo da comunidade é o único que pode evitar que se perpetúe a imaxe de reixas baixadas e portas pechadas".

Asociacións empresariais de Compostela animan a respectar as normas de prevención e a un consumo en clave local