Os gandeiros quéixanse de que a industria segue a pagar o mesmo polo leite malia a suba de prezos en pensos e enerxía

Agromuralla denuncia que non se está a cumprir a Lei de Cadea Alimentaria

A Lei de Cadea Alimentaria obriga a subir o prezo do leite para cubrir os custos de produción; non obstante, a normativa non se está a cumprir, denuncian desde a asociación Agromuralla, que ameaza con saír cos tractores á rúa ante a "situación insostible" que atravesa o sector ante a suba dos custos.

Agromuralla denuncia que non se está a cumprir a Lei de Cadea Alimentaria
Nova xunta directiva de Agromuralla desde o pasado mes de agosto.
Nova xunta directiva de Agromuralla desde o pasado mes de agosto.
A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla, que reúne a centos de gandeiros das provincias de Lugo e A Coruña, expón a situación que está a atravesar o sector lácteo galego. "Este ano, desde o mes de xaneiro, o que nos custa producir disparouse, coas subas actuais no recibo da luz e o gasóleo e o incremento que se está danto nos pensos e as materias primas, pero o que nos pagan polo leite non se moveu e non nos dá para pagar os gastos, polo que estamos perdendo cartos todos os meses", asegura o seu presidente, José Luis Pérez Barreiro, que esixe ás administracións públicas "medidas urxentes inmediatas para garantir un prezo digno e xusto aos produtores de leite que evite o peche en cadea das explotacións".  

O novo presidente de Agromuralla vén de solicitar unha reunión coa subdelegada do Goberno en Lugo para que traslade cal é a situación ao Ministerio de Agricultura e advirte de que "se non se toman medidas os tractores sairán á rúa porque a situación é insostible".

Lei de Cadea Alimentaria

A asociación Agromuralla, que xurdiu a raíz das tractoradas arredor da Muralla de Lugo levadas a cabo a finais de 2015 en protesta polos baixos prezos do leite, explica que "o prezo do leite leva anos conxelado mentras os custos de produción non deixaron de medrar, especialmente neste último ano" e lembra que "a Lei da Cadea Alimentaria aprobada polo Ministerio de Agricultura obriga a que os prezos en orixe dos alimentos se adapten ao que custa producilos". 

"Non se está a cumprir a Lei", advirte Pérez Barreiro, que alerta de que nos últimos meses se está a producir un encarecemento en insumos básicos como o penso para a alimentación do gando, pola suba de materias primas como a colza, a soia ou a fariña de millo, que subiron un 50% no último ano; o gasóleo agrícola, que pasou de 55 céntimos a 85; ou o recibo da luz, con incrementos de máis do 40% tralo cambio no modelo tarifario aprobado polo Goberno; o que está a reducir a escasa marxe coa que traballaban as explotacións leiteiras, un sector estratéxico para o conxunto de Galicia que ve ameazada neste momento a súa viabilidade.

Desde Agromuralla demandan poder repercutir no prezo do leite que lle paga a industria esta suba dos prezos das materias primas e da enerxía, alomenos na mesma porcentaxe destas, e aínda que os contratos lácteos se firman habitualmente por un ano, recordan que hai ferramentas na Lei de Cadea Alimentaria para modficar os prezos antes da próxima renovación (habitualmente a principios de primavera).

Segundo o último estudo da cadea de valor da leite líquida, aprobado polo pleno do Observatorio de la Cadena Alimentaria, organismo dependente do Ministerio de Agricultura, o pasado mes de xuño, os custos medios de produción da leite en España sitúanse en 35 céntimos por litro, mentres que entre 2018 e 2020 os prezos medios percibidos polos gandeiros situáronse entre 32 e 33 céntimos o litro.

Reunión coa subdelegada do Goberno

Por iso, José Luis Pérez Barreiro demanda a "implicación directa" tanto da Xunta de Galicia como do Ministerio de Agricultura e vén de solicitar unha reunión coa subdelegada do Goberno en Lugo para que coñeza de primeira man a situación do sector e analizar os protocolos aos que exise a covid-19 de cara ás distintas accións de protesta. 

No escrito, presentado esta semana, Agromuralla dá un prazo dunha semana para a celebración da reunión e advirte de que "no suposto de que no prazo de 7 días non teñamos resposta da Subdelegación do Goberno adoptaremos as medidas que consideremos máis oportunas para a defensa dos intereses do sector".
 

Agromuralla denuncia que non se está a cumprir a Lei de Cadea Alimentaria