Son o 25% das peticións total e o seu importe alcanza 12,7 millóns de euros

A Xunta xa abonou máis de 10.000 axudas do plan de rescate de autónomos, microempresas e hostalería

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, compareceu no Parlamento de Galicia para dar conta das medidas postas en marcha polo departamento autonómico para facer fronte á covid-19 e informar sobre as liñas estratéxicas para 2021.
A Xunta xa abonou máis de 10.000 axudas do plan de rescate de autónomos, microempresas e hostalería
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, no Parlamento galego.
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, no Parlamento galego.

Na súa intervención, a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, puxo en valor o Plan de rescate para persoas traballadoras autónomas, microempresas e a hostalería co que se está a apoiar aos sectores que máis están a padecer os efectos da pandemia.

Lorenzana explicou que a Xunta está a axilizar o máximo posible a tramitación destas axudas, un esforzo que, segundo apuntou, ten permitido abonar en menos dun mes 10.200 peticións (o 25%) por valor de 12,7 millóns de euros e avanzou que nos próximos días ingresaranse outros 10 millóns, polo que a menos dun mes da publicación das tres ordes de axudas (autónomos, microempresas e hostalería) terase abonado o 41% das peticións presentadas ata o momento.

Tamén deixou claro que este Plan renovarase en 2021 se é preciso e, como ata o de agora, “con axudas áxiles, fáciles e se cobrarán de xeito inmediato”.  Ademais, garantiu que en xaneiro terminarán de ingresarse a totalidade das axudas para que os cartos cheguen nestes momentos, cando máis se necesitan.

Axilización ERTE

A titular de Emprego e Igualdade tamén puxo en valor outras medidas postas en marcha para loitar contra a crise sanitaria como a axilización na tramitación dos ERTE, un proceso que na segunda vaga non superou os cinco días desde a presentación dos expedientes, facilitando, así, ás traballadoras e traballadores o acceso ás prestacións. Elaboráronse, ademais, guías interpretativas para a xestión dos ERTE en coordinación cos colexios profesionais de graduados sociais, xestores, economistas e avogados.

Liñas estratéxicas para 2021

Lorenzana tamén informou na Cámara galega sobre as liñas estratéxicas do departamento autonómico para 2021. Neste punto avanzou que o próximo ano se porá en marcha, como novidade,un programa para impulsar novas iniciativas empresariais que permitan crear emprego e desenvolvemento económico baixa calquera fórmula xurídica cun eixo común: atender necesidades non cubertas no territorio. Trátase dunha iniciativa para contribuír a desenvolver cadeas de valor vinculadas a industrias ou servizos presentes no territorio para crear emprego e economía social de proximidade.

A conselleira afirmou, así mesmo, que a promoción da igualdade laboral será un eixo principal en 2021 coa posta en marcha de novos programas de formación para traballadoras e traballadores e as empresas nesta materia, así como a creación de instrumentos tecnolóxicos que faciliten a implantación dos plans de igualdade nas compañías e o mantemento das axudas dirixidas a potenciar o teletraballo como medida de fomento da conciliación laboral e familiar.

A titular de Emprego e Igualdade asegurou, doutra banda, que o diálogo social seguirá sendo un dos puntais da Consellería para continuar chegando a acordos no deseño de medidas como foi co proxecto Empreganav, que con 3,3 millóns de euros permitirá a reinserción laboral de 500 persoas desempregadas do naval.

Así mesmo, Lorenzana comprometeuse á reforma integral do Servizo Público de Emprego de Galicia, desde as oficinas de emprego ata a implantación dun novo software que optimice as tarefas relacionadas coa xestión do emprego e a formación. Ao respecto, anunciou que o vindeiro ano finalizarase a obra da oficina de Lugo e se licitará as obras da Coruña, Cangas, Ponteareas e Verín, que xa contan con proxectos aprobados. Expuxo tamén que a dixitalización do Servizo Público de Emprego comprende a posta en marcha dun novo sistema operativo na xestión e control da demanda de emprego e formación cun orzamento de preto de 6 millóns de euros.

Explicou, ademais, na Cámara que está previsto a realización dun estudo de tecnoloxías emerxentes, unha proposta de cualificacións profesionais que serán necesarias para facer fronte aos empregos do futuro e que os apoios aos autónomos e á economía social seguirán sendo prioritarios, así como as axudas ás persoas con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral como son as mulleres, mozos e mozas, parados de longa duración e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión.

Comentarios
A Xunta xa abonou máis de 10.000 axudas do plan de rescate de autónomos, microempresas e hostalería