Cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca

A Xunta resolve axudas para transformación de produtos pesqueiros e acuicultura

O Consello da Xunta analizou senllos informes sobre a resolución da convocatoria de axudas para melloras no eido da acuicultura e para investimentos en pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos pesqueiros. 
A Xunta resolve axudas para transformación de produtos pesqueiros e acuicultura
Xuntanza do Consello da Xunta.
Xuntanza do Consello da Xunta./D.CABEZÓN.

A convocatoria de 2020 de axudas para melloras no eido da acuicultura que fomenten unha actividade sustentable aprobou 103 solicitudes por un importe de algo máis de 6 millóns de euros. A incluía tres liñas de achegas -para apoiar os investimentos produtivos, o incremento da eficiencia enerxética e o fomento do uso de fontes de enerxía renovables e servizos de asesoramento técnico, científico, xurídico, ambiental ou económico- e arredor do 83% dos proxectos aprobados corresponden ao sector mexilloeiro.

Os potenciais beneficiarios destas subvencións, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), son bateeiros, confrarías de pescadores e acuicultores que promovan unha actividade sustentable, titulares de establecementos de acuicultura situados nas zonas terrestre, marítimo-terrestre ou marítima que teñan as súas instalacións na Comunidade. Finalmente a maioría das solicitudes aprobadas pertencen a empresas dedicadas á produción de mexillón, con 85 das 103 achegas aceptadas no marco desta convocatoria. En canto ao orzamento destinado a estas axudas, tamén preto do 74% do total é para o sector mexilloeiro, con máis de 4,4 millóns de euros dos máis de seis millóns aprobados. 

Entre os proxectos aprobados nesta convocatoria para o sector do mexillón están a construción e modernización de embarcacións con distintos elementos e a modernización e construción de bateas. No caso dos proxectos na área de peixes, entre os subvencionados está a modernización de granxas acuícolas. 

Subvencións para transformacións de produtos do mar

O Consello da Xunta tamén analizou un informe sobre a resolución da convocatoria deste ano de axudas para investimentos en pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura no que se detalla a aprobación de 43 proxectos por un importe de preto de 15 millóns de euros a distribuír entre as anualidades 2020 e 2021.

Con estas axudas a Xunta subvenciona o 50% de cada un destes proxectos cun investimento total de máis de 30 millóns de euros que permitirá acometer melloras nas instalacións destas empresas. Estre as accións que son obxecto de cobertura destas achegas está a optimización dos procesos de transformación, a innovación no ámbito da industria de procesado de peixes e na transformación de moluscos, a ampliación e adquisición de equipamentos nas plantas de transformación de produtos do mar e melloras en materia de eficiencia enerxética, entre outras.

Os beneficiarios destas subvencións, cofinanciadas tamén polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), son pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura que realizan investimentos que contribúen a, entre outras cuestións, aforrar enerxía, mellorar a seguridade, optimizar os procesos de transformación e contar con novos produtos e procesos ou mellores sistemas de xestión. O obxectivo desta liña de axudas é que o sector transformador dos produtos do mar poida mellorar a súa eficiencia enerxética, reduza o impacto no medio ambiente, promova a innovación e mellore as súas condicións de traballo e seguridade, o que contribúe a incrementar a súa competitividade e a mellorar os seus resultados económicos. 

A Xunta resolve axudas para transformación de produtos pesqueiros e acuicultura