XUNTANZA DE FRANCISCO CONDE CON ATIGA

A Xunta incrementará nun 23,6% os apoios para centros tecnolóxicos

A Xunta incrementará nun 23,6%, ata os oito millóns de euros, as axudas para os contratos programa aos centros tecnolóxicos de Galicia para apoiar os seus proxectos de I+D+i.
A Xunta incrementará nun 23,6% os apoios para centros tecnolóxicos
Patricia Argerey, Francisco Conde e Juan Manuel Vieites./ C. PAZ.
Patricia Argerey, Francisco Conde e Juan Manuel Vieites./ C. PAZ.

Así llo avanzou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, ao presidente de Atiga (Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia), Juan Manuel Vieites, nunha xuntanza en Santiago na que avaliaron os esforzos conxuntos entre a  Xunta e os centros tecnolóxicos para apoiar o ecosistema innovador de Galicia. Ao encontro tamén asistiu a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey.

Conde destacou que a iniciativa de aumentar este programa de axudas responde ao apoio da Administración galega á transferencia de coñecemento ás pemes e, en xeral, ao tecido produtivo. “Galicia tense que diferenciar polo coñecemento, o talento e a innovación para ter unha Galicia máis preparada, máis competitiva e máis innovadora”, engadiu.

Na xuntanza, Conde explicou as novidades destes apoios da Axencia Galega de Innovación (Gain) que van dirixidos aos principais centros tecnolóxicos de Galicia, as fundacións sanitarias e os centros do CSIC. Do global dos oito millóns, 5,4 millóns destinaranse ás axudas para implementar as condicións dos propios traballos de investigación tecnolóxica e os máis de dous millóns restantes estarán dedicados a fundacións de investigación sanitaria. “A investigación tecnolóxica e sanitaria son os principais eidos de innovación que temos en Galicia”, subliñou Conde.

As axudas, por primeira vez, serán plurianuais para garantir un horizonte de maior certeza económica aos centros que poderán solicitar un pagamento anticipado de ata o 75% para facilitarlles a inxección económica para os seus proxectos. 

Conde resaltou que esta vía de colaboración público-privada está a dar os seus froitos lembrando que desde 2009 se crearon 600 empregos vinculados ao labor dos centros tecnolóxicos. 

Comentarios
A Xunta incrementará nun 23,6% os apoios para centros tecnolóxicos