O crédito inicial esgotouse rapidamente

A Xunta dota con 5 millóns de euros máis o programa Impacto Autónomo

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, anunciou a aprobación no Consello da Xunta da ampliación en 5 millóns de euros máis do crédito de axudas no programa pioneiro Impacto Autónomo, ata chegar aos 35 millóns.
A Xunta dota con 5 millóns de euros máis o programa Impacto Autónomo
O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda Valenzuela, preside a reunión do Consello da Xunta. Edificio Administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela, 02/02/23.
O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda Valenzuela, preside a reunión do Consello da Xunta. /D.CABEZÓN.

As axudas de Impacto Autónomo teñen como finalidade compensar a suba de custos derivados da inflación que están a padecer persoas traballadoras por conta propia e microempresas e co obxecto de “tratar de beneficiar alomenos a uns 30.000 negocios”.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu esta ampliación do crédito ante o “éxito con milleiros de solicitudes” da convocatoria do programa, que partiu cunha dotación de 30 millóns de euros, “que se esgotaron rapidamente” e incidiu en que con estas axudas se procura “contribuír a que o aumento da inflación repercuta menos nestes autónomos e micropemes”. 

Os apoios oscilan entre os 800 euros e 1.500 euros e destacou o feito de que as primeiras achegas xa se están a aboar. En concreto, a iniciativa procura minimizar coa maior celeridade posible o impacto da suba dos custos no actual contexto, tanto das materias primas, das subministracións ou enerxéticos, que están a afectar e condicionar a actividade económica que desenvolven as persoas traballadoras autónomas e microempresas.

Apoios á contratación e formación de desempregados de difícil inserción

Doutra banda, o Consello da Xunta tamén aprobou, cun investimento de 1,3 millóns de euros o programa anual de axudas para persoas traballadoras por conta propia destinadas “a incentivar á contratación de 250 persoas desempregadas de difícil inserción e contribuír tamén a súa formación”.

Inclúense dous tipos de axudas compatibles entre si: o bono de contratación e o bono de formación para impulsar a cualificación no posto de traballo das persoas traballadoras indefinidas empregadas. Para a primeira persoa traballadora indefinida establécese un incentivo mínimo de 8.000 euros, e para a segunda e terceira persoa traballadora indefinida fíxase un apoio mínimo de 10.000 euros.

Serán colectivos prioritarios para a contratación as persoas desempregadas de longa duración, as persoas maiores de 55 anos, persoas con discapacidade, persoas en situación ou risco de exclusión social e persoas emigrantes retornadas. As contías base poderanse incrementar nun 25 %, acumulables entre si, se a persoa contratada é muller, no caso de que o centro de traballo estea situado no rural, persoas maiores de 45 anos, e cando a persoa contratada sexa unha muller nunha actividade económica en que a muller esta subrepresentada, entre outros.

Como novidade nesta edición, incorpórase como colectivo prioritairo os maiores de 55 anos. Tamén se abre unha liña específica para os emigrantes retornados.

A Xunta dota con 5 millóns de euros máis o programa Impacto Autónomo