Innova Peme

A Xunta convocará unha liña de axudas para apoiar a innovación nas pemes e microempresas galegas

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, anunciou a inminente publicación da nova convocatoria de axudas para a implementación de plans de innovación en pemes e microempresas galegas Innova Peme.

A Xunta convocará unha liña de axudas para apoiar a innovación nas pemes e microempresas galegas
Patricia Argerey presentou a liña de axudas Innova Peme na súa visita a Taste Lab./V.RODRÍGUEZ.
Patricia Argerey presentou a liña de axudas Innova Peme na súa visita a Taste Lab./V.RODRÍGUEZ.

Argerey fixo este anuncio durante a visita que realizou á empresa lucense Tastelab. A spin-off da Universidade de Santiago de Compostela, tal e como sinalou a directora, “é un exemplo de peme innovadora galega”, referente no ámbito da análise sensorial de produtos da industria alimentaria, cosmética e farmacéutica, entre outros, e que vén de abrir unha nova sede en Miami.

O obxectivo desta visita “é transmitir ás pemes galegas que a innovación non é só para as grandes empresas, senón que pequenas compañías como Tastelab poden aumentar a súa competitividade grazas a apostar pola innovación e, deste xeito, impulsar o crecemento económico da nosa Comunidade, dun xeito sólido e sustentable”, segundo informou Argerey. Tastelab recibe apoio da Axencia Galega de Innovación a través do programa Principia, -grazas ao que ten contratado un técnico- e participou na fase de academia da aceleradora VíaGalicia, na súa sede de Lugo.

Nova liña de axudas Innova Peme

A Xunta investirá cinco millóns de euros nesta nova liña de axudas Innova Peme co obxectivo de apoiar o desenvolvemento de plans de innovación en arredor de 60 micro, pequenas e medianas empresas con sede en Galicia que permitan fortalecer a súa competitividade mellorando a súa capacidade innovadora. As principais vantaxes desta convocatoria son que as empresas poden presentarse a título individual; as axudas poden acadar o 50% do orzamento subvencionable e ascender a contías de entre 50.000 e 150.000 euros, cofinanciadas por Fondos Feder Galicia; e os apoios, aliñados co contido do plan de innovación, van destinados a persoal, equipamento e custos de adquisición de patentes, entre outros.

As empresas que desexen solicitar esta axuda deberán presentar un plan de innovación con actuacións durante un período mínimo dun ano e solicitar o informe Innobench, elaborado pola Xunta de Galicia, o Consorcio Zona Franca de Vigo e a Universidade de Vigo, que lles permitirá coñecer en que punto se atopan a nivel de innovación, así como comparar a capacidade acadada unha vez implementado o plan.

Ademais, as empresas beneficiarias poderán optar a un acompañamento financeiro posterior para a comercialización e industrialización da innovación a través dos fondos de capital risco da Axencia Galega de Innovación xestionados por XesGalicia.

A Xunta convocará unha liña de axudas para apoiar a innovación nas pemes e microempresas galegas