As axudas parten de 6.000 euros por beneficiario

A Xunta amplía a dotación económica do Aprol Economía Social

A Xunta de Galicia amplía en 1,3 millóns de euros a dotación económica do programa Aprol Economía Social, o que fixa o orzamento deste programa de apoios á economía social en máis de 4,6 millóns de euros.

A Xunta amplía a dotación económica do Aprol Economía Social
Integrantes da cooperativa Anaco elaborando as conservas de anchoa.
Integrantes dunha cooperativa elaborando conservas de anchoa.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este mércores a ampliación da dotación económica das axudas do programa Aprol Economía Social de fomento ao emprendemento. O Goberno galego destinará máis de 4,6 millóns de euros a este programa, coa previsión de beneficiar 158 cooperativas e sociedades laborais e a incorporación duns 312 novos socios.

O programa Aprol Economía Social contempla dúas liñas de apoios compatibles entre si. A primeira, á que se destinarán 2,4 millóns de euros, persegue o fomento de emprego en cooperativas e sociedades laborais, para favorecer a constitución da entidade ou a incorporación de novos socios. A segunda, cun investimento de case 2,2 millóns, promove o acceso á condición de persoa socia, financiando as achegas económicas que deben desembolsar ao capital social.

A contía básica da axuda en cada unha das liñas ascende a 6.000 euros, con incrementos do 25% de concorreren circunstancias de dificultade de acceso ao mercado laboral, como a condición de ser muller ou maior de 45 anos ou a situación en contornas rurais.

Novidades de Aprol Economía Social

Como novidade este ano poden acollerse á primeira liña as cooperativas ou sociedades laborais que proceden da reconversión ou transformación de empresas mercantís, cando incorporan como socias traballadoras as persoas que tiñan unha relación laboral estable na empresa de orixe. No caso da segunda liña as persoas que inicien unha actividade por conta propia e se dean de alta nunha cooperativa en réxime de exclusividade, contan cunha marxe de dous anos entre o inicio e a alta na cooperativa no marco da convocatoria.

Con estas axudas, a Xunta está a apostar pola consolidación da economía social, que contribúe a ampliar o tecido empresarial e ten especial incidencia no medio rural. A economía social contou no ano 2021 con case 30 millóns de euros de investimento xeral cos que o Goberno galego apoiou 281 entidades da economía social e 458 postos de traballo.

En 2022 a economía social seguirá a ser un dos principais eixos de actuación, cun orzamento que se elevará por enriba dos 35 millóns de euros para apoiar e difundir o cooperativismo, os seus principios e valores e incrementar a presenza desta fórmula empresarial no emprendemento galego.

A Xunta amplía a dotación económica do Aprol Economía Social