Estratexia da Biomasa 2017

Unha nova liña de axudas permitirá ás empresas agrícolas aforrar 160.000 euros anuais nas súas facturas enerxéticas

A Xunta de Galicia vén de lanzar unha nova convocatoria de axudas para proxectos de enerxías renovables, pioneira en Galicia, destinada a empresas de produción agrícola primaria. 

Unha nova liña de axudas permitirá ás empresas agrícolas aforrar 160.000 euros anuais nas súas facturas enerxéticas
Ángel Bernardo Tahoces, director xeral de Enerxía e Minas.
Ángel Bernardo Tahoces, director xeral de Enerxía e Minas.

Segundo informou o director de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, a Consellería de Economía, Emprego e Industria destinará 600.000 euros en axudas para instalacións de biomasa, biogás, aerotermia, xeotermia, solar térmica, fotovoltaica e minieólica coas que prevé mobilizar 2 millóns de euros no sector e un aforro anual de 160.000 euros nas facturas enerxéticas das empresas que se acollan a esta liña de apoios.

Con esta nova orde, preténdese achegar o uso de fontes renovables de enerxía a un sector para o que non existía unha liña de axudas específicas impulsando, deste xeito, a industria agroalimentaria, un motor da economía galega.

Tal e como explicou o director xeral, os interesados poderán presentar as súas solicitudes no prazo dun mes tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia do 24 de abril. Poderanse beneficiar desta iniciativa empresas, con especial atención ás pemes, e autónomos, incluídos no sector de produción agrícola primaria. Na convocatoria, de concorrencia competitiva, teranse en conta diversos criterios de selección como a incidencia do custo da enerxía na competitividade da empresa ou a localización do proxecto, priorizando os concellos de Galicia con menos poboación.

As axudas poderán alcanzar o 70% do custo elixible: ata 50.000 euros por proxecto e 100.000 euros por empresa. As actuacións inclúen o equipamento principal de xeración e os custos da montaxe e de posta en marcha.

Obxectivos da convocatoria

Con esta convocatoria preténdense fomentar os investimentos en proxectos de enerxía renovables no sector agrícola primario facendo máis atractivos os períodos de retorno do investimento. Tamén se busca reducir os custos enerxéticos para mellorar a competitividade do sector; diminuir o consumo de enerxías convencionais -prevese con esta convocatoria un aforro anual de 255.000 litros de gasóleo- e propiciar unha mellora socioeconómica das áreas rurais coa creación dunha vintena de postos de traballo. Ademais, contribuirá á redución das emisións de CO2 en preto de 700 toneladas ao ano, o equivalente á acción de 35.000 árbores.

Esta liña de apoios forma parte da Estratexia da Biomasa 2017 coa que a Xunta impulsa a instalación de máis de 1.000 caldeiras que permitirán un aforro de preto de 3 millóns de euros. A Xunta destina 11,7 millóns de euros nun total de catro convocatorias de axudas, o que permitirá mobilizar preto de 23 millóns.

Unha nova liña de axudas permitirá ás empresas agrícolas aforrar 160.000 euros anuais nas súas facturas enerxéticas