Reagrúpanse as axudas existentes en tres liñas

O Inega simplifica a tramitación das axudas en materia de enerxías renovables e eficiencia

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) reagrupa neste 2018 as nove convocatorias existentes en materia de enerxías renovables e eficiencia en tres, para facer máis doada a súa tramitación. 

O Inega simplifica a tramitación das axudas en materia de enerxías renovables e eficiencia
O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, presentou as novas
liñas de apoios.
O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, presentou as novas liñas de apoios.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, manten este ano o seu compromiso co fomento do uso de enerxías renovables e a súa aposta pola eficiencia e aforro enerxético con tres ordes de axudas que permitirán a familias, empresas e administracións locais aforrar máis de 5 millóns de euros ao ano nas súas facturas.

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, presentou as novas liñas de apoios que se publicarán no Diario Oficial de Galicia o vindeiro 30 de xaneiro. Serán tres ordes clasificadas por tipo de beneficiarios: proxectos de renovables para particulares; iniciativas vinculadas ás enerxías renovables para empresas, institucións sen ánimo de lucro e Administración local; e un terceiro bloque de axudas para as empresas dos sectores industrial, servizos e agrícola primario.

En total, o Goberno galego destina a estas tres liñas de axudas preto de 14 millóns de euros que permitirán unha mobilización de 36 millóns no sector, favorecendo, así, a creación de preto de 450 postos de traballo. Ademais do aforro económico, as axudas permitirán un aforro enerxético de 9,8 millóns de litros anuais de gasóleo e a redución de emisións de CO2 equivalente á acción de preto dun millón e medio de árbores.

Convocatoria para particulares

En concreto, a Xunta destina 6,22 millóns de euros ás axudas para particulares, para proxectos de biomasa, xeotérmica, aerotérmica e solar. A contía das axudas será dun 50% cun máximo de 60.000 euros por actuación e permitirán aforros económicos anuais de 1,6 millóns de euros na factura enerxética dos fogares galegos. Unha das principais novidades é que este ano apoiaranse, tamén, proxectos en grandes cidades.

A convocatoria, de concorrencia competitiva, estará aberta do 31 de xaneiro ao 20 de febreiro para a adhesión das entidades colaboradoras, e do 21 de febreiro ao 20 de marzo para a presentación de solicitudes por parte dos particulares.

O director xeral explicou que máis do 50% do consumo enerxético dos fogares galegos ten orixe renovable fronte o 26% do conxunto de España, polo que “Galicia camiña pola senda dunha enerxía descarbonizada”, asegurou.

Liña para empresas, institucións e administracións

O Goberno galego destinará 3,12 millóns de euros para accións en empresas, institucións sen ánimo de lucro, e administracións locais tanto para biomasa como para xeotérmica, aerotermia e solar térmica. A contía das axudas será do 80% para a Administración local, do 50% para institucións, mentres que para as empresas dependerá do seu tamaño, podendo acadar o 70% no caso das pemes. Estarán incluídos os proxectos de district heating, que optarán a un máximo de 400.000 euros de apoio por proxecto. Nesta convocatoria a axuda máxima por solicitante será dun millón de euros (cun máximo por proxecto de 200.000 euros en biomasa e 100.000 no resto de renovables). Agárdanse aforros duns 640.000 euros anuais para os beneficiarios destes apoios. Os interesados poderán presentar as solicitudes do 31 de xaneiro ao 28 de febreiro.

Axudas á industria, os servizos e o sector primario

Finalmente, destínanse 4,38 millóns de euros a empresas do sector da industria, servizos e agrícola primario -que por primeira vez se integra nesta orde- para a realización de auditorías enerxéticas, implantación de sistemas de xestión e proxectos de aforro e eficiencia enerxética. Segundo o tamaño da empresa a contía da axuda será do 35% (grandes empresas), 45% (medianas) e 55% (pemes). Grazas a esta liña de apoios, os beneficiarios obterán aforros económicos anuais de 3,1 millóns de euros. Os interesados tamén poderán presentar as solicitudes do 31 de xaneiro ao 28 de febreiro.

O Inega simplifica a tramitación das axudas en materia de enerxías renovables e eficiencia