Poderán solicitalas entre o 1 de marzo e o 1 de xullo

O Inega concederá axudas a particulares para a implantación de renovables térmicas e autoconsumo

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, vén de presentar as convocatorias de enerxías renovables dirixidas a particulares que se abrirán este ano, dúas liñas de axudas coas que se pretende chegar a 1.600 fogares galegos.
O Inega concederá axudas a particulares para a implantación de renovables térmicas e autoconsumo
A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, informa en rolda de prensa sobre as novas convocatorias de axudas para impulsar a instalación de enerxías renovables nos fogares galegos.
A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, en rolda de prensa./C.PAZ.

En total, o Inega destina 5,1 millónes de euros para subvencións a renovables térmicas e autoconsumo, coa previsión de mobilizar 13,5 millóns de investimento público-privado, xerar aforros económicos de 900.000 euros anuais nas facturas enerxéticas e aforros de enerxía de 18.500MWh ao ano, reducir 5600 toneladas de emisións de CO2 –o equivalente á acción de 250.000 árbores–e crear 140 postos de traballo.

En concreto, a Xunta reserva 3,1 millóns de euros para a convocatoria de axudas para a instalación de proxectos de renovables térmicas (biomasa, xeotermia, aerotermia e solar térmica) para promover o aforro enerxético e o uso de fontes renovables. Co obxectivo de garantir o máximo aproveitamento enerxético do combustible e minimizar as emisións de substancias contaminantes á atmosfera, os equipos de xeración de calor deberán ser instalacións con avanzadas prestacións operativas, con elevados niveis de eficiencia enerxética e cun bo comportamento con respecto ao medio ambiente.

A contía destas axudas de concorrencia non competitiva, e que se poderán solicitar a través das entidades colaboradoras a partir do 1 de marzo, será do 50%, agás no caso da aerotermia que será do 30%, cun máximo de 60.000 euros no caso de axudas para comunidades de veciños.

Con respecto ás axudas para autoconsumo, resérvanse 2 millóns de euros para fotovoltaica a través dunha convocatoria de concorrencia non competitiva cuxo prazo abrirá o 3 de marzo. A contía dos apoios será dun 50% cun máximo de 25.000 euros por proxecto colectivo. Establécese unha axuda máxima por vivenda de 4.000 euros que pode incrementarse ata os 5550 euros no caso de que se instalen baterías de litio. 

No caso das dúas convocatorias, as solicitudes deberán presentarse a través das entidades colaboradoras por vía telemática. Desde este luns e durante os vindeiros cinco días, poderán adherirse estas entidades. Os particulares terán o prazo aberto, para as dúas liñas, ata o 1 de xullo e a data límite de execución e xustificación será o 30 de setembro.

Balance de 2020

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, incidiu no esforzo que a Xunta ten realizado, nos últimos anos, por promover o uso das enerxías renovables por parte de toda a sociedade, especialmente nos fogares. Froito destas convocatorias dirixidas aos particulares, no ano 2020, beneficiáronse 1.711 fogares grazas a tres liñas de axudas (renovables térmicas, enerxía fotovoltaica e biomasa) ás que se concederon 5,45 millóns de euros 

Convocatorias abertas para empresas e autónomos

Por outra banda, a directora xeral lembrou que xa están abertas dúas convocatorias para impulsar as enerxías renovables e a eficiencia enerxética nas empresas. Trátase, en concreto, da liña de axudas para proxectos de empresas e autónomos do sector agrícola primario que contan cun orzamento de 2,5 millóns de euros, o que facilitará a mobilización dun investimento final público-privado de 8,5 millóns de euros en aproximadamente 200 iniciativas. Promoveranse instalacións de biomasa, biogás, aerotermia, xeotermia, solar térmica, fotovoltaica e eólica, así como actuacións de mellora da eficiencia que reduzan o consumo inicial en polo menos un 40% en proxectos de iluminación ou nun 10% no resto de iniciativas.

Tamén está aberto o prazo para solicitar axudas para realizar proxectos de aforro e eficiencia enerxética en empresas dos sectores industrial e de servizos. Destinaranse 10 millóns de euros co obxectivo de mobilizar máis de 42 millóns, e propiciar un aforro enerxético equivalente a nove millóns de litros de gasóleo ao ano, así como un aforro económico de 7M€ anuais nas facturas enerxéticas e a creación de 340 empregos.

 

Comentarios
O Inega concederá axudas a particulares para a implantación de renovables térmicas e autoconsumo