Os particulares poderán solicitar as axudas a partir do 1 de marzo

O Inega busca colaboradores para o seu programa de axudas á biomasa

As entidades que queiran colaborar na xestión de axudas para proxectos de biomasa destinados a particulares poden solicitar deste este mércores a súa adhesión a este programa do Instituto Enerxético de Galicia (Inega).

O Inega busca colaboradores para o seu programa de axudas á biomasa
Caldera de pellets.
Caldera de pellets.
O Inega destina 1,5 millóns de euros a esta convocatoria de concorrencia non competitiva dirixida ás familias galegas e que se xestiona a través de entidades colaboradoras. Agárdase mobilizar 3,75 millóns de euros no sector, conseguir aforros enerxéticos de 9.000 MWh e impulsar a creación de 37 empregos, ademais de reducir as emisións de CO2 en 2700 toneladas ao ano, o equivalente á plantación de 135.000 árbores e diminuír a factura enerxética en 360.000 euros anuais.

A contía das axudas será dun 50%, ata un máximo de 60.000 euros, para apoiar proxectos con fins de aforro enerxético que fomenten enerxías renovables como é o caso da biomasa. Para garantir o máximo aproveitamento enerxético do combustible e minimizar as emisións, os equipos de xeración de calor deberán ser instalacións con avanzadas prestacións operativas, elevados niveis de eficiencia e un bo comportamento con respecto ao medio ambiente.

Con esta liña de axudas, que abrirá o prazo de solicitude para particulares o 1 de marzo, o Goberno galego segue avanzando no seu obxectivo de fomentar o uso de enerxías renovables, neste caso nos fogares, coa importante redución de custos enerxéticos que supón fronte a outro tipo de enerxías, e máis nun momento de escalada de prezos na factura da luz. Así, unha caldeira de biomasa supón aforros de ata o 50% con respecto ao gasóleo e dun 30% con respecto ao gas natural. Nunha vivenda unifamiliar permite aforros de 1.800 euros ao ano con respecto aos radiadores eléctricos.

A convocatoria complementa as axudas, xa en marcha, para impulsar proxectos de enerxías renovables térmicas dirixidas ao sector residencial que conta cunha dotación de preto de 5,7 millóns de euros para iniciativas de xeotermia, hidrotermia, aerotermia e solar térmica, ademais de biomasa.

Na convocatoria de 2021, o Inega concedeu 824 axudas por un importe de 1,96 millóns de euros que permitiron instalar unha potencia próxima aos 15MW.

O Inega busca colaboradores para o seu programa de axudas á biomasa