Ata o 9 de febreiro

Impacto Autónomo: ata 1.500 euros por beneficiario para paliar a suba dos custos de produción

Persoas traballadoras por conta propia e microempresas poderán solicitar entre o 9 de xaneiro e o 9 de febreiro as axudas directas do programa Impacto Autónomo da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Impacto Autónomo: ata 1.500 euros por beneficiario para paliar a suba dos custos de produción
A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, nunha visita que realizou en Lugo á empresa Pampering
A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, visitando en Lugo a empresa Pampering.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este mércores as bases da convocatoria da primeira edición de Impacto Autónomo, que conta cun investimento de 30 millóns de euros e ofrece axudas directas ás persoas autónomas de entre 800 euros e 1.500 euros para minimizar o impacto da suba dos custos en materias primas e dos subministros como os enerxéticos, que están a afectar e condicionar a actividade económica das persoas traballadoras por conta propia e microempresas.

Impacto autónomo pretende, en definitiva, axudar de xeito específico ás persoas traballadoras por conta propia a paliar o custo da vida. Así o expuxo a secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, nunha visita que realizou en Lugo á empresa Pampering -dedicada á elaboración de produtos de panadería e confeitaría- que é beneficiaria do Bono Autónomo e de incentivos á contratación e outras axudas para este colectivo, que promove a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Os beneficiarios das novas axudas serán as persoas autónomas dadas de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (Reta) ou Réxime do Mar, incluídas as persoas autónomas societarias e microempresas de ata 10 traballadoras e traballadores, e os mutualistas. As bases sinalan que será obriga contar con domicilio social en Galicia e ter uns rendementos netos mínimos de 10.000 euros e máximos de 30.000 euros no último exercicio económico pechado (ano 2021).

Para o caso dos autónomos societarios, ademais de cumprir co requisito de ter rendementos netos da actividade económica ou de traballo a nivel individual, a facturación da sociedade deberá ter un mínimo de 50.000 euros e non poderá superar os 750.000 euros. Tamén poderán ser persoas beneficiarias os traballadores por conta propia de tempada que están de alta no momento da presentación da solicitude de axudas, e que teñan estado de alta un mínimo de catro meses e un máximo de nove meses nos anos 2021 e 2022.

A contía dos apoios establecerase en función dos rendementos netos e conforme á escala que se publica no Diario Oficial de Galicia (DOG). Para as persoas autónomas de tempada, os importes reduciranse á metade. É preciso indicar que estas axudas son compatibles con calquera outro tipo de apoio da Xunta que impulsen o emprego autónomo. Para aquelas actividades que  se desenvolvan en establecementos fixos abertos ao público, o negocio deberá estar aberto ao público durante os seis meses posteriores á publicación da orde de axudas.

Impacto Autónomo: ata 1.500 euros por beneficiario para paliar a suba dos custos de produción