Fíxase como obxectivo a financiación de 600 proxectos

O Igape facilitará o acceso ao crédito a autónomos, emprendedores e pemes galegas

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de activar o programa de apoio financeiro que facilitará, a través do Igape, a mobilización de 55 millóns de euros en préstamos bancarios para financiar arredor de 600 proxectos de autónomos, emprendedores, microempresas e pequenas empresas.

O Igape facilitará o acceso ao crédito a autónomos, emprendedores e pemes galegas

O obxectivo é facilitarlles ás compañías o acceso ao crédito bancario para investimentos ou circulante asociado.

Coas bases do programa financeiro que publica o Diario Oficial de Galicia, coordinado polo Igape no marco do Galicia 1000, a Xunta busca dar unha resposta coordinada ás necesidades financeiras reais dos autónomos, dos emprendedores e das pequenas empresas para que ningún proxecto viable quede sen desenvolver por falta de apoio económico. Este ano, como novidade, ponse o foco nas pequenas empresas de menos de 50 traballadores que, xunto coas microempresas e os autónomos, adoitan ter maiores dificultades para acceder ao financiamento bancario.

Con respecto á liña que regula os apoios para as pequenas empresas con menos de 50 traballadores, dotada con máis de 2,1 millóns, facilitará a bonificación de xuros e custos financeiros de préstamos de máis de 25.000 euros. A bonificación será de 1,5 puntos con carácter xeral e elevarase ata o 2% nos proxectos impulsados por autónomos, emprendedores ou pequenas empresas do sector industrial.

A liña para os autónomos, os emprendedores e as microempresas con menos de 10 empregados conta cun orzamento de 500.000 euros,  para bonificar xuros e comisións de préstamos de menos de 25.000 euros, concedendo igualmente máis intensidade de bonificación para os proxectos industriais e os promovidos por autónomos e emprendedores. Neste caso, os beneficiarios accederán ademais a unha axuda directa do 15% sobre o tramo do crédito destinado a financiar activos fixos.

O prazo para a presentación de solicitudes está aberto ata o 31 de outubro próximo, aínda que poden acollerse a este programa todas as operacións formalizadas desde o pasado 1 de xaneiro.

 

Comentarios
O Igape facilitará o acceso ao crédito a autónomos, emprendedores e pemes galegas