De entre 600 e 35.000 euros

A Deputación de Pontevedra axuda con 150.000 euros a 16 cooperativas agrogandeiras

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar axudas por valor de 150.000 euros a 16 cooperativas agrogandeiras da provincia, por primeira vez tres delas de produción ecolóxica.

A Deputación de Pontevedra axuda con 150.000 euros a 16 cooperativas agrogandeiras

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, deu a coñecer estas axudas e llembrou que o Goberno provincial leva asinado este ano outros tres convenios de apoio a organizacións de produtores cun investimento de mais de 100.000 euros e que, polo tanto, “estamos falando de 250.000 euros para o sector agrogandeiro, cumprindo así co noso compromiso cos sectores produtivos da provincia”.

Segundo explicou Carmela Silva, grazas a esta liña de investimentos, as 16 cooperativas agrogandeiras poderán investir en obras, maquinaria agrícola, comercialización, valorización, adquisición de fincas, enerxías renovables, uso de novas tecnoloxías ou equipamentos para as cooperativas.

As axudas, que oscilan entre os 600 e os 35.000 euros están destinadas á recuperación e posta en valor dos recursos agrícolas e gandeiros promovendo así a comercialización e valorización dos produtos, a formación técnica para o desenvolvemento das súas actividades, a divulgación e posta en uso das novas tecnoloxías, enerxías renovables e aforro enerxético e os investimentos para mellorar os seus servizos.

As beneficiarias son a Cooperativa Gandeira de Dozón, a Cooperativa Agrícola de Forcarei, Horsal de Cambados, Campodeza, Cobideza de Lalín, Cooperativa Gandeira de Botos, Cooperativa Gandeira do Deza, Val do Deza e Xuncoga de Lalín, Sat N 4035 de Ribadumia, Cooperativa do Campo O Rodo de Rodeiro, Porta Río Miño do Rosal, ademais das tres cooperativas ecolóxicas Ullama da Estrada, Nutre en Bio, de Salvaterra do Miño, e  A Meixoeira, de Moaña.

A Deputación de Pontevedra xa tiña asinado este ano outros tres convenios de apoio a organizacións de produtores cun investimento de mais de 100.000 euros: Unión Leiteira Galega,  ADF Maceiras de Tabeirós, e ADF Amigos do Salnés.

A Deputación de Pontevedra axuda con 150.000 euros a 16 cooperativas agrogandeiras