Dentro do seu Plan de Emprego

A Deputación da Coruña destina 4,3 millóns de euros para axudas a pemes e emprendedores

O Boletín Oficial da Provincia da Coruña vén de convocar as convocatorias oficiais das axudas do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña, dotadas con 4,28 millóns de euros.

A Deputación da Coruña destina 4,3 millóns de euros para axudas a pemes e emprendedores
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou que os dous programas de axudas, PEL PEMES e PEL EMPRENDE, convócanse por segundo ano consecutivo, "tras o éxito da convocatoria anterior, que contou cunha gran acollida entre as empresas da provincia" cumprindo os obxectivos fundamentais de impulsar o emprego de calidade nos concellos coruñeses e dinamizar o tecido socioeconómico local.

"No 2017, as axudas do PEL permitiron a creación e mantemento de preto de 1.000 empregos na provincia", afirmou Formoso. A través do PEL PEMES, a Deputación contribuíu á creación de 224 novos postos de traballo, mentres que ao abeiro do PEL EMPRENDE impulsáronse 194 novas iniciativas emprendedoras nos concellos da provincia da Coruña.

Así mesmo, a terceira liña de subvencións PEL CONCELLOS, que se convocará proximamente, permitiu a contratación de 477 persoas desempregadas para a prestación de servizos locais básicos nos 82 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes.

O presidente provincial tamén anunciou a intención da Deputación da Coruña de continuar ofrecendo estas axudas e incluso "incrementar aínda máis a dotación do Plan de Emprego nas vindeiras edicións do programa".

O prazo de presentación de solicitudes para concorrer ás subvencións comeza o mércores 28 de febreiro, e finaliza o día 22 de marzo. As persoas interesadas poden presentar as súas solicitudes de forma telemática a través do portal de subvencións da Deputación da Coruña.

Impulso das contratacións e fomento da estabilidade laboral

A liña PEL PEMES, dotada con 3,1 millóns de euros,  financiará o 75% dos custos salariais das novas contratacións nas empresas da provincia durante un ano. Para concorrer a esta liña, as empresas deben ter o seu centro de traballo rexistrado nun concello de menos de 20.000 habitantes da provincia da Coruña.

As contratacións deberán realizarse entre o 1 de xaneiro de 2018 e ata dous meses despois da data de concesión da axuda, que cubrirá os custos salariais e as cotas da Seguridade Social, cun importe que varía entre un mínimo de 13.500 euros e un máximo de 16.500 euros, en función da categoría profesional do traballador ou traballadora a contratar.

Ademais, e como novidade nesta segunda convocatoria, as empresas que xa contrataron a unha persoa ao abeiro do PEL PEMES 2017, poderán solicitar tamén unha nova axuda para custear o 50% do salario deste traballador durante un segundo ano.

Segundo explicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, explicou que esta liña pretende fomentar "a estabilidade laboral e o mantemento de boa parte dos postos de traballo xa creados a través do PEL".

Estas dúas modalidades de axudas serán compatibles, permitindo ás empresas beneficiarias en 2017 realizar unha nova contratación e manter ás persoas xa empregadas con cargo ás subvencións da Deputación.

As persoas a contratar deberán cumprir unha serie de requisitos, como son estar empadroadas en calquera dos municipios da provincia da Coruña, estar en situación de desemprego no momento da contratación, non ter mantido unha relación laboral temporal coa empresa beneficiaria da subvención dentro dos seis meses anteriores á data de contratación, non ter parentesco coa persoa empregadora e non ostentar cargos de dirección ou ser membros dos órganos de administración das entidades beneficiarias.

Apoio para as novas iniciativas empresariais

A través da liña PEL EMPRENDE, que terá un orzamento total de 1,1 millóns de euros, a Deputación da Coruña concederá axudas aos novos emprendedores e emprendedoras da provincia para realizar investimentos e actividades necesarias para o desenvolvemento da súa actividade profesional.

Respondendo ás peticións efectuadas polos solicitantes destas axudas durante o ano pasado, a Deputación cambiou os criterios para concorrer ao PEL EMPRENDE. Así, elimínase o requisito de ter entre 25 e 35 anos e introdúcese no seu lugar a condición de que a empresa teña un máximo de cinco anos de vida, independentemente da idade do empresario.

O importe máximo da axuda a conceder ascende a 20.000 euros, cun orzamento de gasto de ata 25.000 euros, o que supón un financiamento do 80% do investimento realizado polo solicitante. Ademais, se o solicitante ten a súa empresa nun concello de menos de 20.000 habitantes, é unha muller, unha persoa con discapacidade ou en risco de exclusión social, a axuda poderá incrementarse 3.000 euros máis, ata un total de 23.000 euros.

Para recibir a subvención, os investimentos deberán realizarse entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro, e deberán estar directamente relacionados co desenvolvemento da actividade empresarial. Poderán subvencionarse bens inventariables como maquinaria, aplicacións informáticas, mobiliario ou equipos e útiles de traballo.

Outra das novidades dentro deste eixo será que, ademais de bens inventariables, o PEL subvencionará actividades e actuacións que sirvan para desenvolver a empresa e potenciar a súa competitividade, como servizos de consultoría, marketing e comunicación ou formación. Esta nova liña PEL EMPRENDE – Actividades convocarase oficialmente nos próximos días.

Para a valoración das solicitudes ás axudas tanto do PEL PEMES coma do PEL EMPRENDE a Deputación terá en conta criterios obxectivos coma o tipo de empresa, a poboación do municipio onde se sitúa o centro de traballo, a idea de negocio, a competitividade da empresa ou as actuacións levadas a cabo en temas de responsabilidade social empresarial, como medidas de conciliación da vida laboral e familiar dos traballadores, fomento da igualdade de xénero ou inserción de persoas con discapacidade.

A Deputación da Coruña destina 4,3 millóns de euros para axudas a pemes e emprendedores