Dotadas con preto de 9 millóns de euros

A Consellería de Economía publica tres liñas de axudas para impulsar o emprego xuvenil

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este venres as axudas dirixidas a autónomos, empresas e entidades sen ánimo de lucro para contratar a menores de 30 anos a través do Sistema de Garantía Xuvenil, que poden chegar a alcanzar os 17.234 euros.

A Consellería de Economía publica tres liñas de axudas para impulsar o emprego xuvenil

A intensidade das contías xerais aumentará nun 25% para as mulleres, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, familias con todos os seus membros en paro ou se o centro de traballo está emprazado no rural co obxectivo de apoiar aos colectivos con máis dificultades para atopar un traballo.

A convocatoria, coa que se prevé beneficiar a 1.200 mozos e mozas, inclúe tres tipos de programas. Cun orzamento de 2,5 millóns de euros, para apoiar o inicio de actividade dos autónomos, concederanse 4.000 euros de axuda mínima, máis do triplo que en 2016, que poderá chegar aos 8.000 euros para os colectivos máis vulnerables. Este ano, tamén como novidade, elimínase o requisito de investimento mínimo para fomentar a posta en marcha de novas iniciativas empresariais. 

O segundo programa publicado no DOG conta cun orzamento de 3,4 millóns de euros para fomentar nas empresas a contratación por conta allea. Para iso, prevese 7.000 euros de incentivos á contratación indefinida inicial que poden chegar aos 14.000 euros, e 2.500 euros por cada contrato temporal que se converta en indefinido, podendo alcanzar os 5.000 euros. Os apoios para a contratación temporal, mínima por 6 meses, oscila entre os 1.500 e 6.000 euros; os incentivos para contratos de formación e aprendizaxe, mínimo de 12 meses,  poden chegar ata os 2.400 euros; e, por último, para a contratación en prácticas, mínimo de un ano, as axudas serán de ata 7.200 euros.

Nestes dous programas o prazo de solicitude rematará o 2 de outubro.

A terceira liña de axudas, na que a Consellería de Economía, Emprego e Industria inviste 3 millóns, está destinada ás entidades sen ánimo de lucro, para incentivar a contratación dos mozos e mozas co obxectivo de proporcionarlles unha experiencia e práctica profesional que facilite a súa inserción laboral. Para iso, as axudas oscilan entre os 8.617 euros e os 17.234 euros. Nesta liña primarase este ano como novidade o criterio de estabilidade laboral. Neste caso, o prazo de inscrición é dun mes, polo que finalizará o próximo 4 de setembro

A Consellería de Economía publica tres liñas de axudas para impulsar o emprego xuvenil